Cando eramos nenas

Jorge Moreiras

RELATOS DE VERÁN

De pequenos iamos a Mondariz porque hai unha praia fluvial. Á beira do río hai un loureiro, que dá un froito que ten unha carabuña negra e dura con vermello suave ao seu redor. Se frotas este froito con auga doce consegues escuma, e nós xogabamos a que iso era xabón. Na mitoloxía, Dafne convertérase nesa árbore e, claro, a Laura facíalle moita ilusión saber de onde viña o seu nome e abrazábase durante segundos eternos e amorosos a esa árbore.

Colliamos croios planos do leito do río e faciamos que rebotaran na auga, nunha competición por ver quen daba máis saltos, onde o único gañador era a diversión colectiva.

Cruzabamos o río por onde está a praia e comezaba toda unha aventura (con deserto, túnel e ponte) ata chegar de novo a salvo a onde estaban as nosas familias.

E o máis fermoso era mirar aos zapateiros (ou cabras cegas) aproveitando a tensión superficial para camiñar sobre a auga, coma facía o mesías. Atopar eses bichos indica a boa calidade do río. E os meus recordos, a boa infancia que tivemos.