A segunda etapa de E.X.B. foi nos 70 do século pasado, un tempo de bens regalados para aquela mestra que comezaba o seu camiño docente entusiasmada.
Adobiada co seu pano na cabeza, coma se tal fose unha moza das feiras dos cadros de Soutomaior, chegara á cidade na adolescencia e trouxera da aldea onde nacera afouteza e orgullo, mesmo o pano e os zocos de madeira semellaban para ela un punto de modernidade que por raro, gustaban ás compañeiras de bacharelato no instituto feminino, aínda que, con certa rexouba, facían chanza do seu acento ourensá.
O alumnado daquela mestra era dun material exquisito e natural. Coma a la, o coiro, a seda, o algodón, o liño... Deixábanse facer.
A súa curiosidade infinita era marabillosa e os resultados sorprendentes. A cultura que a mestra lles mostraba para que abrisen ben os ollos, sempre era recibida con entusiasmo. Prestábanlles os alimentos sans e propios do noso, e a necesidade de aprender resolvíase coa aceptación entusiasta de calquera oferta: un poema, un texto libre, un debate... Tamén relatos e lustracións que creaban para Vagalume, sempre coma un agasallo.
Lémbrase a mestra cando os citou para ir ao cine un sábado pola tarde. O motivo non era outro que un filme de estrea que lles daría moito que falar. Yentl, a protagonista, decidida a estudar, tería que disfrazarse de rapaz para acceder aos estudos universitarios, prohibidos para as mulleres ata ben entrado o século XX.
Quedaba ben claro que xa se debía loitar pola igualdade, dereito que aprenderían axiña. Apreciaban tamén as novas lecturas, postas en valor, coma un tesouro: A perla, Sidharta, Os cachorros, Memorias dun neno labrego, a poesía dos cantautores...
Eses textos mostrábanlles outro mundo diferente ao das Aventuras dos cinco, que xa leran en Primaria. O interese pola cultura daqueles adolescentes medráballes a par que o orgullo da súa mestra.