Margaridas e desexos

M. Manuela López

RELATOS DE VERÁN

Chegara o día de abrir aquela caixa que tiñan soterrada a carón daquel carballo. Alí era onde as dúas amigas agocharan os seus desexos. Máis o Xián. Fora el o que lle pedira a súa avoíña que cambiara as agullas, os fíos de cores, o alfineteiro e aquela tesoira que facía os cortes tan precisos. As rapazas quedaran marabilladas daquela tapa de margaridas. A avoa ben podía gardar todo noutra menos vistosa.

O día no que meteran alí os seus papeliños dobrados presentárase atoldado. Lola choraba de carraxe. A quen se lle ocorría, na cea con compañeiros e compañeiras organizada no comedor da casa, falarlles do concurso de peidos afinados que propuxera unha noite aquel home do que a maioría só coñecía a parte seria? O pai rifáralle moito! E á irmá de Saínza.., quen lle mandaba levantar a colcha da cama e comprobar que as sabas estivesen ben estarricadas? Alí atopou a tartaruga e a dous caracois. Como explicarlle que o de contar ovellas a ela non lle daba resultado?

Pasaran vinte e cinco anos con momentos rabudos e outros fogueteiros. Vinte e cinco son moitos. Pódense cumprir os soños. Ou non.

Resolutiva, leu Saínza : «quero que, cando sexa maior, desapareza o cancro» (foron varias as noites en que escoitara chorar a súa avoíña porque esa arrepiante enfermidade roubáralle a quen máis quería).

Xián lembrou a mensaxe sen necesidade de descodificala: «quero que, cando sexa maior, os concellos teñan os medios necesarios para apagar lumes» (como esquecer a ringleira humana con caldeiros nas mans, o son das campás inundándoo todo e a casa do veciño esnaquizándose consumida polas lapas?).

A quenda era agora da riseira Lola: «quero que, cando sexa maior, as nenas poidamos encher estadios de fútbol» (foran varios os días co bar dos seus pais cheo de homes para ver a máis homes correndo tras a bóla).

A Saínza sooulle o teléfono: concedéranlle a bolsa solicitada para investigar os tumores e desenvolver terapias. Xián acudira ao encontro coas luvas ignífugas e Lola vestía a camiseta co número 19 de Lamine Yamal.

Algún soño aínda estaba lonxe de cumprirse.