A bala equivocada

Sabela de Arcos Arias

RELATOS DE VERÁN

Carapuchiña Vermella tíñalle un odio inexplicable á súa avoa dende pequena, todo por culpa daquela vez que lle deu un iogur caducado. Con ese rancor no corpo e cunhas pastillas mortais na súa cesta, dirixiuse a casa da súa avoa para acabar con ela dunha vez por todas.

Polo camiño viu o Lobo camiñando cara ao mesmo lugar.

A Carapuchiña dáballe moito noxo o Lobo porque sempre estaba a sorrir e axudando a todo o mundo, algo que ninguén entendía porque a súa propia familia sempre o tratara moi mal. Carapuchiña non ía deixar que o Lobo arruinase o seu plan. Decidiu que entraría pola cheminea para que ninguén a vise.

Escalou a parede traseira da casa con coidado, chegou ao tellado e foi baixando aos poucos polo oco da cheminea ata chegar a abaixo. Escondida na cheminea, rezando para que non a descubrisen, viu como o Lobo dáballe unha sopa á súa avoa. En canto o Lobo se foi ao baño, Carapuchiña saíu do seu agocho e deulle as pastillas á anciá. Ela non entendía nada do que pasaba, pero como Carapuchiña era a súa neta favorita, tomoullas sen dicir nada. A nosa protagonista saíu correndo da casa, pero non foi o suficientemente rápida. O Lobo agarrouna da camiseta, esixiulle que lle contase que lle fixera á avoa e ameazouna con chamar á policía.

Xusto entón, un cazador que pasaba por alí viu o Lobo pelexando coa nena. Pensando que o animal estaba a facer algo malo, disparou coa súa escopeta. O Lobo escorregou e a bala deulle directamente na cabeza a Carapuchiña.