«Estades listos?». Raios de luz colábanse entre as follas da parra, cara onde estaba ela coa bolsa ben cargada de comida para o día.
Podería quedar durmida nesa idea, saborear a cor do ar coma dunha inmensa flor fermosa na que cabiamos todos nun instante perenne “Imos!” Comezaron a andar pouco a pouco cara á Herbosa, camiño da praia.
Primeiro o reconto de antes de saír: todo na bolsa da comida, o parasol. Eles revisados de riba abaixo, coma se para unha celebración. Os vultos pequenos levábaos ela; algo lles tocaba levar ós nenos.
Ese fío invisible no que nos sostiñamos nun xardín vivo multicolor. Tan real coma o outro. Algúns paseantes ían todo o ano a propósito contemplar as tonalidades do conxunto de plantas que ela cultivaba tan agarimosamente na casa, xunta ao pozo. Eloxiábanlle as súas paisaxes. Unha fotocomposición case perfecta!
De seguido, as pingas de auga salgada sobre a pel, refrescantes, a tenrura do sol nas fazulas, tirarse de cabeza dende o embarcadoiro, o triscar da leituga entre os dentes, a tortilla de ovos e patacas da casa. Poderíase pedir máis?
Despois de facer a croqueta na area quente tras o baño, o paraíso estaba moi preto dun! Aquel arrolo de luz eclipsáballes por completo a tanza invariablemente gris de El, o que desordenaba. E aínda quedaba o Colajet da merenda, se cadra con premio!
Retorno. A brisa do solpor empurráballes as costas de volta á casa, envolvéndoos nun paseo coñecido pola pista entre as árbores do piñeiral. E ó día seguinte, outro tanto, mentres o ceo os arrolaba no seu sorriso sempre a carón de ela, onde todos os días eran días de sol.
Charo Castro Casás. 54 anos. Narón.