Á marxe (con perdón de Carlos Casares)

Nicasio Gradaille Peña

RELATOS DE VERÁN

26 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe ir estudar ao estranxeiro é cousa normal. Cun nivel de inglés medio un pode desenvolverse en calquera parte do mundo. En internet conséguese toda a información desexada sobre calquera destino nuns minutos. A vida en Galicia é bastante máis parecida a calquera lugar de Europa. Máis que en 1985, cando fun estudar a Suíza.

Daquela, os trámites coa escola á que ía fíxenos por correo postal (as chamadas telefónicas internacionais eran demasiado caras), o que facía que calquera problema ou dúbida tardara semanas, cando non meses, en ser resolta. O que eu sabía de Suíza era por contos de xente (ou amigos de xente) que fora traballar alá con máis ou menos sorte.

Ir estudar fóra era, en certa medida, ir á aventura. Decidín ir a Basilea porque tiña unha boa amiga, compañeira de estudos, que levaba un ano alí e contaba marabillas da escola e da cidade. Pero, alí falaban alemán. Púxenme entón a estudalo. Collín de profesor a un rapaz veciño que nacera en Alemaña, onde marcharan os seus pais de novos a traballar e nese momento acababan de retornar. Nun mes aprendín os libros correspondentes ao nivel medio da Escola Oficial de Idiomas. Todo contento marchei en setembro para Basilea nun taxi local (en realidade era un veciño que tiña unha furgoneta), que daquela facía esa ruta unha vez por semana.

Foron dous días de viaxe, compartido cuns homes que ían traballar alá. Xa en Basilea, nervioso, saquei o mapa (aqueles mapas enormes) da cidade para ubicarme. Tiven que coller o tranvía.

Subín expectante por escoitar falar alemán para ver canto sería capaz de entender. Levaba ás costas unha mochila ben grande, pois ata o Nadal non ía volver a casa. Nada máis subir ao tram, o primeiro que escoitei foi o comentario dun home á súa acompañante, e non precisamente na lingua de Goethe: «Mamaíña, este vai carghado. O que levará aí dentro!». Durante os cinco anos que finalmente botei alí moitas veces escoitei falar galego, pero recordo esa primeira con especial agarimo porque naquel momento pensei: «creo que vou sentirme ben nesta cidade».

Nicasio Gradaille Peña. 59 anos.Vigo.