Unha manda de tres

Juan Antonio Naveira Seoane

RELATOS DE VERÁN

10 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nós os tres somos rapaces da ría. O Teso, o Bule Bule e máis eu medramos e vivimos toda a vida xuntos aquí, dende sempre. Antes tamén estaban os nosos pais e os veciños. Incluso os Pintados, que viñeran de tan lonxe que nin lembraban o camiño, vivían aquí. Os máis vellos da zona viviran moito para o norte, preto do mar aberto, pero abandonaran aquilo polas obras dos diques e tantas outras cousas feas que descoñecía. «Aqueles anos tan malos, sen casa, sen ter para comer», din aínda.

Nós diso sabemos pouco e non nos interesa porque xa non ten remedio, pero si nos fai adoecer este verán de chuvia que non para. O Teso, que é máis novo ca nós, non lembra ter saído do barrio. Fáisenos moito estar sempre cos vellos detrás. Brincamos e xogamos pero sempre no seu radar, sen poder afastarnos nada. Inda por riba, levamos unha recua de chíos e bufos insoportables das tías cada vez que facemos media trasnada que non é nada.

Hoxe, cando o sol quentaba a auga e recendía o ar a sal e sardiña, escapamos sen máis cando os vellos durmían deitados coma preas. Eu pensaba que o que máis me prestaría sería a distancia, saír para o profundo da ría e nadar o máis lonxe posible, os tres xuntos ás carreiras, ou coller o ronsel dun bote e abrir un camiño novo.

Cando nos achegamos á auga, os sorrisos pícaros e inocentes dos meus amigos decidiron o destino. Tímidos ao primeiro entramos á dársena, onde está prohibido nadar. Non lle teño medo a gafos nin liortas e pago o que se deba se fixen mal, así que tirei eu diante estarricando as miñas costas e dando unha volta violenta no ar para que me viran ben queimar o meigallo. Bule Bule, que é un artista brincando, ao primeiro ficou parado, pero na segunda volta estirou tamén o seu longo corpo, húmido e brillante, e pasounos áxil por riba como unha onda de lúa chea. Adiantamos un barco cheo de nenos nadando de costas. Ao Teso gústalle pouco que o miren, pero na nosa manda de tres todos somos capitáns, e tamén desfrutou sorprendéndonos cunha pirueta marabillosa. Tanto nos da xa que nos berren á noite ou mañá, non nos van quitar nunca este día da memoria.

Juan Antonio Naveira Seoane. 47 anos. A Coruña.