Kit de praia

Marcos Tesouro

AL SOL

23 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Como cada domingo de verán collían o seu «kit de praia» e escapaban da calor da súa cidade cara a costa para pasar un día en familia, desconectar da súa rutina diaria e, sobre todo, gozar coa súa filla Icía, de seis anos. Ou iso dicían. Sempre ían á mesma praia, 45 minutos de traxecto, o mesmo sitio, como se o deixasen reservado de domingo a domingo. É o que ten madrugar para coller un sitio decente antes de que chegue toda a xente. Durante o camiño, a mesma cantilena de sempre.

—Papá, ¿cuánto queda? ¡Quiero llegar ya!

—Neniña, acouga, en nada chegamos e xa podes xogar preto do mar.

—Apura, papá, que nos quedamos sin sitio y quiero jugar con el agua.

Unha vez instalados toca protexerse, primeiro á nena, para que se poña a xogar coas súas cousas a carón do mar. E despois eles, coa mesma discusión de sempre.

—María, outra vez sen a parte de arriba do bikini? Sabes que non me gusta iso, que toda a xente che vexa as tetas... e máis con todos os coñecidos que haberá por aí.

—Outra vez co mesmo! Sabes que non quero marcas, que queda feo cos meus vestidos. E que máis dá? Ti ben que miras para as das outras.

—Eu non miro para ninguén, só teño ollos para ti. Así que fai o favor, pon o bikini.

—Si, si, ti faime a pelota, pero non, que non cola. Non mo poño e punto. Déixame ver o móbil tranquila e descansar que tiven unha semana moi dura. Pero antes tírame unha foto así, un pouco sexy que vou presumir en Instagram de moreno. E tranquilo, aí non ensino nada!

—Non che fago nada, faina ti se queres. É cousa túa. Vou ler e relaxarme.

E así pasan un rato, rumiando o seu intercambio de pareceres, neste día solleiro, coa xente chegando e ocupando toda a praia ata que se acordan que teñen filla.

—María, e Icía?

—Ti saberás, estaba aí na beira da auga xogando.

—Pois non a vexo!

—Icía, Icía! Onde estás?

Marcos Tesouro. Meteorólogo. 45 anos. Ourense.