O soño na gaiola

Jesús Garabato

AL SOL

20 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando ás túas costas xa oíras mil veces que quedaras para vestir santos, apareceu el. Cumpríase así o teu soño. Un dos que foran adiados pola morte prematura do teu pai e tamén pola angustia que vos acompañou demasiados anos a ti e a túa nai, ata que ela non foi quen de soportala máis.  Ao pouco tempo pediuche matrimonio, aceptando ti ilusionada.

Atrás quedaban os paseos lentos polos sombríos corredores da túa casa, tan só iluminados polas vivas cores da parella de xílgaros que alegraban co seu canto as  tardes en que, sentada ao lado da súa gaiola, adormecías mirando cara a parede; e tamén aqueles murmurios que, aínda que non quixeras, sentías ao regresar da igrexa ou do mercado, mentres, coa cabeza baixa, tentabas disimular o sufrimento que che producían as miradas pouco amigables dalgúns dos veciños da vila e as gargalladas dos nenos que, tal vez sen maldade, buligaban ao teu redor.

E chegou o día. A  cerimonia pareceuche preciosa: vós os dous, escoltados por aquela parella amiga del, atendiades diante do altar ás solemnes palabras do crego e ti levabas na man o sinxelo ramo de flores que tiveras a precaución de compoñer no teu xardín. El púxoche o anel. Camiñando en silencio ao seu carón, chegades á que agora será a súa casa. Xa diante do enreixado do limiar, dubidas por primeira vez. Mais entras e pechas a porta devagar. Entrementres, os paxaros calan.

Jesús Garabato. Músico. 56 años. A Coruña.