O día do patrón

Antonio Gaio Caramés

AL SOL

20 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha alborada de bombas de palenque fan tremer a parroquia abrindo o día. Anuncian que hai que erguerse, que non hai tempo que perder, que hai que preparar cousas, anuncian que é festa. Lémbrome da festa do Patrón de cando era un cativo. Marchaba para o campo ben cedo, cando botaban os foguetes xa estabamos alí os rapaces, seguíndolle o traxecto as canavelas das bombas para ir a buscalas onde caeran. Despois volvía para o campo para ver como montaban todo para que estivese listo para a saída da misa.

Ao mediodía chegaba a banda de música. Formaban coma se fosen militares, e marchaban tocando a ruada cara a igrexa onde, na misa cantada, acompañaban a procesión. Os rapaces desfilabamos detrás deles facéndolle burla, os maiores chamábannos a atención, pero nós pasabámolo ben. Mentres se celebraba a misa cantada, no campo, o arrecendo a polbo, rosquillas, churros e pólvora, non deixaban lugar a dúbidas: había festa. Cando se escoitaba o repenique das campás anunciando que rematara a misa, a banda facía entrada no campo tocando aqueles pasodobres que a xente aplaudía ao seu paso.

Comezaban cunha pequena escolma de pezas musicais mentres, na xente, se notaba a alegría que o día da festa significaba para eles. Despois de escoitar unhas tocatas, todo o mundo se retira ás súas casas para a comida de rigor cos festeiros convidados á celebración do patrón; quedando emprazados a volver a caída da tarde para botar uns bailes coas orquestras que amenizarán a noite, para finalizar como deus manda este día de festa.

Non sei porque vos estou contando isto, non sei tan sequera se debo contalo, pero quedei ben facéndoo. Nunca pensei que a alborada de bombas de palenque que me espertou hoxe cedo, espertara tamén estes recordos da infancia que me fixeron sacar un sorriso.

Antonio Gaio Caramés. Comercial. A Estrada.