Adrián Souto

Celestino Pérez

AL SOL

19 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Adrián Souto vendía enciclopedias polas casas alá polo ano 1985. Era un traballo provisorio mentres non aprobaba as oposicións. Adrián Souto estudou Maxisterio por vocación; segundo el, a docencia é a profesión máis fermosa do mundo.

Pero Adrián Souto non acababa de aprobar as oposicións. A primeira vez que se presentou decatouse de que non estaba preparado para sacar unha praza. Nas seguintes convocatorias conseguía aprobar os exames, pero os interinos ?con maior experiencia docente? pasábanlle por diante e tampouco conseguía un destino. Aínda así, non se desanimaba; quería exercer esa profesión por riba de todo.

Mentres tanto, había que traballar de algo para non vivir sempre á conta dos pais. Así, entrou de vendedor de enciclopedias a domicilio. A verdade é que non vendía case nada. Nas casas do centro da cidade afirmaban que xa tiñan unha; el pensaba que, na maioría dos casos, esta era unha escusa para non comprar. Nas casas dos barrios dicíanlle que non a querían porque había outras necesidades máis importantes que unha enciclopedia.

Unha tarde, xa algo desanimado, premeu o timbre no terceiro andar dunha casa antiga. Abriulle unha señora maior e Adrián Souto empezou a soltar o «discurso» que tiña preparado e... cal foi a sorpresa que esta boa muller escoitouno con atención e, cousa rara, non o interrompeu en ningún momento. Ao remate da explicación, a señora díxolle que quería mercala. El, sorprendido e emocionado, entregoulla e deulle a asinar uns papeis para o pago aprazado. A señora firmou e el marchou moi contento.

Pero esa noite, Adrián Souto non deixou de pensar na señora que lle adquirira a enciclopedia. Era moi maior e, pola maneira de expresarse e de asinar a compra, pareceulle unha persoa de poucos estudos. Durmiu pouco; non tiña a conciencia tranquila.

Pola mañá cedo foi á casa da velliña, chamou á porta e, nada máis abrir, espetoulle: «Señora, non merque esa enciclopedia; a vostede non lle vai servir para nada. Está tirando os cartos». Para Adrián Souto, ter a conciencia tranquila está por encima dos beneficios que puidese sacarlle á esa venda.

Celestino Pérez. Xubilado. 79 anos. A Coruña.