A incesante aflición

Fernando Vilaboa

AL SOL

13 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de varios lustros, hoxe, alcancei un nivel de vida aceptábel... coido. Os doutores non sabían. Eu non daba entendido. No rompente, ledo, constatei a certeza do remate do meu mal. Agora, despois de longo percorrido, á fin, decateime de canto foi imposíbel, incomprendido, asumido. Mais como hei de explicarllo a cantos aturaron o meu mal humor, cos ollos esbagoados, a carraxe constante. Decátome da amizade de quen pretenderon axudarme a calmar a incesante aflición sen entender nada de cantas análises foron levándome dun a outro especialista, de hospitais antigos a novos, case privados. Mesmo hai un lustro, nun mes de santiago, achegueime a Santa Cristina de Lavadores a ofrecer un exvoto de cabeza. Din reviravoltas ao redor do templo, mentres volteaban os sinos; non sei se cheguei a crer, nada ocorreu.

Volvín aos meses para velo pendurado, a cera acabou máis escura, a dor fíxose moi intensa. Sen saber cando nin porqué apareceu a solución, a resposta ás miñas únicas e teimudas queixas. Onte, entre soños esquecidos e rodeado por xentes de bata, desapareceron as doenzas que me acompañaban dende a mocidade. Foi real? Levo todo o día fora do lar, vou raro, esbirro sen cesar, mais non teño pena. Só fica unha fonda morriña por aquela miña pucha; derradeiro agasallo do meu avó, pouco antes de falecer de morte matada. Camiño pola praia e amoréanse lembranzas, diluíndose nas cores rechamantes do lusquefusque nas Cíes.

Explicoumo a enfermeira ?que quedou, para un museo de parvos, co trofeo de negro veludo- , logo de amañar o problema. Usou unhas tesoiras e un balde de auga tépeda: «A cabeza medrou, co discorrer dos anos, en exceso, e a fita, interior, da pucha foi apertando a testa». Choro pola ausencia da boina amada. Tamén pola fealdade deste espido cabazo que levo enriba do colo; iso si, polícromo, como os de cabelo de anxo. Non hai bágoas, non hai carraxe, só fonda e ateigada ledicia.

Fernando Vilaboa. Xardineiro. 62 anos.