Excursión

Manuel Piñón

AL SOL

11 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O crego de Trapallada, Concello de Moitoconto, organizaba unha viaxe ao mes para os seus fregueses. Non faltaban á cita Marcelo e Nana, dous veciños moi apreciados, que segundo os seu paisanos eran «daquela maneira» e non lles faltaba razón, pois eran de luces cortas.

Chegaron a Vilapérez a media mañá, no autobús da empresa Amodiño, seica propiedade do xenro do párroco, con quen adoitaban viaxar. A única consigna do abade, unha vez apeados, era a hora do retorno. O resto do día, cada quen tiraba ao seu antollo. Marcelo e Nana ían sempre xuntos.

Gustaban de meter os fociños en canto evento atopaban. Á hora fixada para a saída, mentres se facía o reconto, comentaban uns con outros, como transcorrera a xornada. Nesta ocasión, xiraba arredor da gastronomía: uns comeran unha mariscada por 50 euros, outros unha grella de peixe por 30 euros, algúns o prato típico por 20 euros...

Marcelo erguendo a voz, dixo que comeran por 50 céntimos, primeiro e segundo prato con viño, café e sobremesa. A risa foi xeral, mentres se retorcían no asento, o vacile apoucou os dous amigos. Todos coincidían que por eses cartos non se comía en ningures, a non ser que lles deran as sobras que deixaran outros ou auga chirla, facendo leña da árbore caída dos malpocados amigos.

Cando o autocar estaba a piques de saír da vila, Nana ergueuse airada, valente e forte (como diría o esgrevio poeta, Curros Enríquez) como un resorte, sinalando coa man cara a rúa, o local onde comeran. Aí, aí, aí... Aí foi onde comemos. Nós non mentimos. Todos viraron a testa deica onde indicaba e puideron ler na fachada do edificio, en letras esculpidas na pedra, «cociña económica da real vila de Vilapérez».

O silencio acompañou os excursionistas un bo anaco.

Manuel Piñón. Administrativo. 63 anos. Ferrol.