Tic tac

Andrea Quintáns

AL SOL

07 ago 2022 . Actualizado a las 18:46 h.

Tic tat tic tac tic tac. O reloxo implacable. O tempo baldío pasa sen agardar por ninguén. Mírome espida no espello e recoñezo as miñas coxas, denantes tersas, que agora aparecen esparramadas e cubertas de estrías. O meu sorriso, cos dentes torcidos a pesar dos anos de ortodoncia. O meu cabelo, loiro e crecho, convertido agora nunha amalgama deforme e espeluxada. Acariño o meu rostro, cuberto de marcas causadas pola varicela e o acne. Acariño tamén os meus brazos, que nunca terán a suavidade dos de miña nai e as miñas pernas, que nunca serán tan longas coma as das influencers que habitan ese submundo das redes sociais. Penso en facer dieta, en anotarme ao ximnasio, cúlpome por comer pizza para xantar. Detéñome. Admírome toda eu, imperfecta, fóra dos canons, sen artificios. Un patiño feo nun mundo de princesas ben vestidas e de corpos admirables, eses aos que lles queda ben calquera trapo comprado na última tenda de roupa barata de moda. A mesma tenda que explota a mulleres en países do terceiro mundo para que as princesas poidan lucir os seus tersos pandeiros en modelos a bo prezo. Sigo diante do espello. Aquel que unha vez me causaba angustia e dor, agora só me devolve unha imaxe amable. Intentar encaixar nunha sociedade na que a perfección parece ser a única meta que paga a pena alcanzar é unha batalla da que me retirei hai tempo. Xa non loito contra o tempo nin contra min mesma. Xa non odio o meu corpo, agora agradézolle todo o que fai por min. A vida é moi longa como para malgastala nunha batalla constante contra unha mesma. Comezo a quererme. Por que non o faría antes…

Andrea Quintáns. Libreira. 27 anos. Pontevedra.