Recordos de verán

María Del Carmen Piñeiro

AL SOL

07 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres escoito o cantar dos paxaros ao lonxe e observo a paisaxe que se atopa por riba da miña cervexa, decátome de que o sol comeza a despedirse deste caloroso día de verán agochándose tras o mar e deixando unha paisaxe tan fermosa e pintoresca que consegue levarme á calma.

Os seráns de verán achéganme aos momentos que gardo baixo chave con tenrura dende cativa; fanme lembrar a miña nai ensinándome a nadar e sacando do bolso da praia o bocadillo de chourizo mentres sorría, aos veráns na casa da miña tía e aqueles outros nos que pasaba semanas con miña prima, a Sara, e a súa destreza por riba das cunchas, descalza, mentres me deixaba atrás.

Infinitos recordos pasan pola miña mente, e nese intre, lémbrome dos teus ollos negros. Vivías en Francia e pasabas aquí os meses de xullo e agosto, e malia ser primo de Xián, nunca cadraramos.

Lémbrome do primeiro día que nos vimos; creo incluso que, se pecho os ollos con forza, podo describirche como se oían os paxaros naquela tarde de verán.

Recordo as miradas, o teu sorriso, a túa cara de canalla e as túas expresións. Recordo cando te sentabas ao meu carón con calquera pretexto ao mesmo tempo que recordo, que mentres me falabas, oía de lonxe o son da túa voz mentres me perdía na profundidade dos teus ollos. Recordo que perdía o sentido cando te tiña cerca e tamén recordo as ganas de verte, de terte xunto a min e a ledicia que sentía. Recordo o sabor do mar nos teus beizos. Recórdote a ti.

Venme á mente a cita de Dr. Seuss que fai que evoque aquel verán: «Sabes que estás namorado cando non queres deitarte porque a realidade é por fin mellor que os teus soños».

Sen dúbida, iso fostes para min. Doulle un trago á cervexa e volvo a realidade.

O sol fai o seu último fulgor e agóchase detrás do mar. Os paxaros xa non cantan, pero completan a paisaxe que observo.

Mentres incido en cada último detalle desta obra mestra que se amosa ante os meus ollos e contemplo a fermosura e maxia de Galicia, entendo porqué escollestes este lugar e non outro, á vez que na miña cara se esboza un sorriso.

María Del Carmen Piñeiro. Opositora. 27 anos. A Coruña.