Man Morta

Elvira Sánchez

RELATOS DE VERÁN

04 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

E aquí, miles de vidas despois, desexo soltarche a man, soltarcha e que morras, e que non volvamos encontrarnos en toda a eternidade. Este é outro tempo, outra vida, os nosos deuses xa desapareceron, e nós xa non lle somos útiles a ninguén. Xa non somos anacos de pedra, convertémonos en carne, convertémonos en seres odiosos. E aquí, neste intre, cando a túa vida depende de min, a miña man, a man que te sostén, xa non é unha man temerosa dos deuses. É unha man á que xa non lle importa a xustiza, é unha man que te solta. Vexo como caes e te golpeas ao rozar o duro asfalto, e vexo na túa cara a sorpresa da xente que está a unha fracción de segundo de morrer. A miña man xa non é unha man orante, xa non reza pola abundancia e o consenso entre os homes, nin polo noso feliz reencontro na seguinte vida. É unha man cruel, é unha man aberta, disposta a dar o golpe rabioso que desfaga o mundo.

Elvira Sánchez. Estudante. 23 anos. A Coruña.