Anxo

Paula García

AL SOL

03 ago 2022 . Actualizado a las 16:05 h.

Cando espertei e abrín os ollos, non sabía moi ben onde estaba nin que estaba a facer alí. Vestía unha especie de túnica branca e brillante que me chegaba ata os pés. E sentía nas costas unha estraña sensación, un formigo non molesto, pero si peculiar. Ao xirarme para intentar descubrir a orixe de dito formigo, quedei absolutamente abraiado ao observar dúas ás enormes tan inmaculadas e brillantes como a túnica que vestía. De súpeto, unha voz grave e impetuosa chamou por min. Pero non me sentín atemorizado nin preocupado, senón todo o contrario: sereno e con confianza. Avancei por un corredor estreito e nebuloso seguindo a dirección da voz, ata chegar a unha estancia ampla e luminosa onde agardaba un ancián con expresión afable e agarimosa. —Benvido, Anxo! Estabamos agardando por ti. —Ola, señor. Como sabe o meu nome? De que me coñece? Que estou facendo aquí? —as preguntas saían da miña boca disparadas coma frechas. O ancián esbozou un sorriso cheo de tenrura e certa timidez. —Coñézote ben. Eu escollín os teus pais para ti, e eles déronche a vida. En canto á pregunta sobre o que estás a facer aquí, só podo dicirche que necesito de ti e do teu talento. Co tempo iralo entendendo todo. Só confía en min. Tras uns segundos de confusión e incerteza, unha imaxe foi cobrando forma na miña mente. Era un día agradable de outono. O sol lucía no máis alto e unha suave brisa alborotaba os nosos cabelos. A miña nai suxeitábame nos seus brazos mentres o meu pai collía o móbil para sacarnos unha fotografía co mar de fondo. De súpeto, a expresión do meu pai mudou e o pánico apoderouse do seu rostro. Antes de que puidese articular palabra, unha onda bateu con forza ás nosas costas. Tras ela chegaron a escuridade e un novo comezo.

Paula García. Profesor. 36 anos. A Coruña.