Cousas do covid-19

Alfonso Ferreira

AL SOL

02 ago 2022 . Actualizado a las 10:31 h.

Unha noite de abril do 2020. O vello Xoán non é quén de durmir. Reviravoltas e mais reviravoltas. Abre o seu ordenador e mándalle un correo a súa neta:

«Querida Ruliña, dábao todo por estar o teu carón, mais este confinamento impídemo. Permíteme que me desafogue contigo, contándoche un conto máis do Camiño:

-Aconteceu hai moitos anos. Unha parella de velliños cos seus bordóns para poderse manter en pé. A Coruña, Igrexa de Santiago.

O porto do Parrote, por onde chegarían os peregrinos, máis e máis camiño, ponte do Burgo...e xa sen folgos deixáronse caer aos pés da imaxe pétrea de Santiago, na igrexa do mesmo nome.

Deberon pasar moito tempo deitados no chan.

Cansazo, vellez, pregos, cousas que se contar... Outra vez en pé, cos seus corpos abaneándose e que grazas os bordóns lograban manter en equilibrio, non sen grandes atrancos. Bosques, campos, noite e xa... hospital de peregrinos de Sigrás.

O ceo tornouse vermello intenso e foi perdendo luz. Ao pouco, uns lóstregos rachan o ceo e tras deles o estoupido dos tronos e as primeiras chuvias fortes. Un frade convidounos a entrar. Roupa seca. Cuncas cheas de caldo quente. Batería de preguntas sen fin: quen sodes?, de onde vides? a onde ides?... As respostas tardarían en chegar.

Primeiro cumpría enchelos bandullos, recuperar folgos... Nós somos Margarit e Paul e moramos en Glastonbury, Inglaterra. Estamos aquí para cumprir unha promesa dos nosos avós, que sempre nos falaron desta peregrinación.

O Alto do Peito puxo a proba aos velliños, que ían camiñando en zig-zag, e que mesmamente pensaron que non ían ser quen de chegar ao seu cumio.

E... camiñando, camiñando, chegaron ao Hospital de Bruma. Alí con outros peregrinos que viñan dende O Ferrol, deron conta dunha boa comida, e xa acougados, chegaría unha longa conversa. Logo virían máis parroquias, máis campos, gando ceibe e máis e máis, ...e por suposto unha casa na parroquia de La Calle, onde seica durmira o futuro Felipe II cando ía cara a Inglaterra para se casar coa súa paisana María I.

Seguindo a unha píntega, co seu corpo con manchas amarelas (semellantes as actuais frechas do Camiño), metéronse na espesura do bosque, do Bosque Enfeitizado...». 

Bicos Ruliña.

Alfonso Ferreira. Xubilado. 71 anos. Pontevedra.