A ensinanza duns vellos muros

Marta García Pedreira

AL SOL

30 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O neno non adoitaba ir ver aos seus avós, eles vivían nunha aldea perdida no medio do monte e el nunha gran cidade. De cando en vez, pasaba a fin de semana na súa vella casa de pedra, o seu avó contáballe unha e outra vez a mesma historia, algo así como unha fábula con animais que falaban. O neno non escoitaba, contaba os minutos para volver á casa e xogar á consola ou ir ao parque.

Pasaron os anos e os avós eran cada vez máis avós, as pernas pesaban, o corazón fallaba e aquela casa chamaba por uns fillos que chegaban tarde. Os muros de pedra non tardaron en mudar por uns de ladrillo. Mudaron por un lugar onde a pesar de rodearse de xente, lograron sentirse máis sós ca nunca. O neno seguiu visitando aos avós, pero agora eran eles os que non escoitaban, o vello non quería poñer audiófonos, nin tomar pastillas, nin visitar ao médico.

Os anos seguían a pasar e a casa do monte, igual ca os seus donos, morreu pouco a pouco e en soidade. Chegado o día o neno, xa feito un home, volveu á aldea perdida, ás estradas do monte, aos recordos de infancia… e cando viu aquela casa quixo ter escoitado, quixo ter xogado menos á consola, quixo ter ido menos ao parque, quixo ter un audiófono, unhas pastillas ou un médico para escoitar aquela fábula do seu avó polo menos unha última vez.

O neno feito un home ficou diante das paredes daquela vella casa no monte, que escoitaran máis do que ninguén dixo, viviran máis do que ninguén puido e agora berraban, tratando unha vez máis, de non ficar esquecidas. Quizais se tivese escoitado aquela historia de animais que falaban, podería terse decatado moito antes da súa vital ensinanza.

Marta García Pedreira. Estudante. 15 anos. A Coruña