Refracción

Violeta Meléndrez Doval

AL SOL

17 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Clair de Lune inunda o ambiente mentres eu me sumo na profundidade dos meus pensamentos ao contemplar a lúa dende a ventá: a viva imaxe da perfección, unha esfera máxica, prateada e resplandecente; o cume de todos os meus soños. Cando poderei alcanzala? Cando poderei sentir a suavidade do seu po de estrelas rozándome a pel?

Afástome da fiestra, con xiros lentos, facendo ondear o meu vestido ao ritmo dos acordes de Debussy e suspiro con amargura e dor. O fracaso e o medo corroen as miñas entrañas, tan só son un ser insignificante na inmensidade do universo e sei que endexamais acadarei con éxito o meu soño. Non hai bruxa á quen poida trocar ás por voz, nin fada madriña capaz de construír un avión de cristal co que acudir ao baile das estrelas. Non teño ningunha lámpada máxica que fretar agardando ver así o meu soño feito realidade. A pesar da miña soidade, ou precisamente pola súa causa, non me tento resistir, abandono o cuarto, deixo o apartamento, encamiño o paso fóra do pobo e chego ata o mar, onde escoito o bruar das ondas ao golpear con furia as penas do cantís.

-Vós tamén queredes alcanzar a lúa? -pregúntolles; porén, non recibo resposta. O vento arrebátame as palabras nada máis saír da miña boca e lévaas con el a lugares afastados, cara os astros. Talvez non desexen chegar a ela, e lles abonde con seren abanadas coas súas mans ambarinas, como no poema de Dickinson.

Admiro o azul do ponto e a luz que desprende a auga, mar de ardora, coma unha luminaria do ceo. É entón, no intre en que o mar se viste de bóveda celeste, cando avanzo cara a lúa reflectida nas ondas, agra no límite dos dedos. Nado entre as estrelas ata ela e mergúllome na súa perfección esférica. O último que escoito, antes de exhalar o meu último alento, é o ouvear dun lobo ao lonxe, arelando, seguramente, a beleza de Selene.

Violeta Meléndrez Doval. Estudiante. 17 anos. A Coruña.