Toralla

Fernando Vilaboa Bernárdez

AL SOL

13 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nas últimas escavacións de verán, feitas en Toralla, apareceron inscricións do paso de María de Betania pola Ría. Nun dos linteis do hipocausto atopouse unha inscrición: María, orixinaria de Magdala, da que saíron sete demos, estivo aquí, tras o desembarque do cadaleito de San Iago, a construír un sartego para o repouso do apóstolo, no mais fermoso espazo da Ría, cos pes en dirección a Galilea e a testa sinalando cara á praia de Rodas».

O responsábel da escavación, E. Gil, deu unha rolda de prensa na Casa do Mar, en presenza do alcalde, anunciando a case certa orixe da urbe de Burbida moi antes do estimado por outros compañeiros de cátedra, estando seguros de atopar restos anteriores, ao publicado ata o momento, en varios séculos, nas buscas que se están a facer no Areal.

«Aquela chegou ser a vila santuario de orixe cristiá mais antiga e importante de Galiza. O Camiño tería rematado en Toralla, onde o sepulcro de San Iago estivera ata o século II, de non ser trasladado este a Iria Flavia, por decisión de Trajano; primeiro dos agravios coruñeses contra a vila de Vigo».

E. Gil proxectou na pantalla a posíbel vila primitiva, xunto á Vía XIX do itinerario de Antonino, erguida dende sinxelo templo e espallada ata o Areal. O seu equipo iría atopando restos. Estaban seguros de achar un porto na illa de Faro e outro na praia do Cocho. Dende eses descubrimentos irían facendo catas ata rematar recoñecendo un área comprendida entre Mirambell, o Castro, Santa Cristina e Teis; nunha segunda ampliación chegarían ata Ponteareas.

O alcalde puña ben en claro ser o responsábel dun tempo histórico no que se demostraría que Vigo foi unha importante urbe romana, case da relevancia de Lugo. Poderíase abrir Vigo ao turismo internacional.

Ás cinco semanas, calado, moi pálido, o alcalde apareceu negándoo todo. E. Gil, de novo, fora descuberto falseando outra inscrición. Aquilo non era senón un simple hipocausto do século III A.C. O Vigo romano era o xa coñecido. Procurouse restaurar a pedra para a pronta apertura da Vila Romana de Toralla, ao escaso turismo de sempre. E morra o conto.

Fernando Vilaboa Bernárdez. Jardinero. 60 anos. Vigo.