Tempo e natureza

Enrique Antonio Rodríguez Franco

AL SOL

07 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cativas cousas que fan que a vida sexa levadeira. É marabilloso ter tempo para podelo disfrutar, pois e a única cousa que temos que non podemos gardar.

O tempo non é unha cousa que á caixa poidas meter, dunha ou outra maneira, del non podes dispoñer, non podes hoxe gardalo e utilizalo mañá, gardas cartos, gardas roupa, selos, moedas e ata louza, pero o tempo, meu amigo, ¡gástao!, non che queda outra.

Por iso dígoche, amigo, que non sexa todo traballar. O traballo é necesario e hai que comer para vivir, pero recorda: o importante é que poidas subsistir.

O tempo xamais é eterno, cada quen teno asignado, todos intentan alongalo mais ninguén o deu logrado. Así que vive o presente, mira adiante e mais atrás, pensa un pouco no futuro pero non penses de máis, estamos aquí catro días, alguén con sorte bota seis. Non os pases ti sufrindo, trata de vivir coma un rei, é moi fácil dicilo e máis difícil de facer, dígocho por experiencia, vivino na miña pel.

As novas xeracións téñeno moi complicado, estámoslles a deixar un mundo revirado de carallo. E se cada un de nós puxese da súa parte, un anaco de boa fe, a cousa poida que cambiase. Imos aniquilando recursos, e non procuramos outros novos, abandoamos as terras, pensamos: «¡Xa virán outros!». E cando veñan, se veñen, sen dúbida xa será tarde. Entón habería que procurar deixar todo coma o atopaches, ¿ou non é iso o que nos aprenderon? Ó estar nunha casa allea ¿Porque non imos facer o mesmo coa natureza?

Eu penso que os novos aparellos teñen as súas cousas boas, pero tamén nos impiden razoar coma persoas. Cada día somos mais parvos, coma máquinas, ao son que nos marca un aparello, que sempre ten a razón. Pensar xa non é doado, ler vai ser unha utopía, e ter unha biblioteca logo será ter un tesouro.

Hai que estar localizables a todas as horas do día. ¡E pobre do que se despiste! Xa ten enriba á policía; as vacas levan pendentes, os cans levan microchip… E nós levamos o móbil .

¿Pódese vivir así?

Enrique Antonio Rodríguez Franco. Poeta. 57 anos. Ferrol.