Sentimentos alleos

Óscar Martínez Rey RELATO

AL SOL

28 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicían que eran noivos, pero só eran amigos, aínda que para facelo máis crible tiñan que bicarse e acariñarse en público de cando en vez, cando acudían a eses encontros de intercambio de parellas ou cando simplemente intuían que algunha parella que coñecían nun bar ou nunha viaxe estaba pola labor. Para eles era sinxelo porque non había amor e, polo tanto, tampouco risco de celos. Só unha conexión e un entendemento totais baseados na amizade desde o primeiro día no instituto. Desde entón, fixéronse inseparables, pero só como amigos. Tiñan moitas cousas en común, como esa atracción morbosa cara as relacións con outras parellas, que sempre remataba en sexo. Ao longo dos anos convertéronse en auténticos actores, inventores de sentimentos, construíron ante os ollos dos demais unha vida xuntos que en realidade non era certa. Perfeccionaron de tal xeito o seu método que ninguén diría que non eran una parella real, que espertaba o instinto sexual doutras parellas. Para eles só era un xogo, sen pensar nos sentimentos alleos. Ata que unha mañá, despois dun deses intercambios de parellas, mentres os catro almorzaban xuntos, el viu nos ollos dela un escintileo diferente, algo que nunca vira ata entón. E por primeira vez sentiu celos.

Óscar Martínez Rey, artista autodidacta, 52 anos, Cambados.