Alerta infundada

Rafael García Ramos RELATO

AL SOL

24 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aconteceu hai moitos anos. Máis de corenta. As testemuñas e protagonistas foron uns cincuenta alumnos da, naquel momento, chamada Universidade Laboral Cruceiro Baleares de A Coruña con sede no Burgo, nos arredores da cidade. O verán adiantárase e a últimos de maio tiveramos temperaturas que superaron os trinta graos varios días seguidos. Algo estraño e insólito.

Un grupo de alumnos pedíronlle ao seu titor que os levase de acampada. Nesa época as laborais tiñan moitos medios para facelo. Dependían do Ministerio de Traballo e tiñan fama de ser as nenas mimadas do Réxime en canto ao ensino que ofertaban. Dispoñían de colexios para alumnos internos e tamén viñan alumnos de pobos dos arredores como Sada, Cambre, Carral, A Laracha e incluso de Mesón do Vento no caso do centro da Coruña. Deles, foron 21 en toda España, saíron moi bos e solicitados traballadores en todas as ramas profesionais que impartían. Dispuñan de tendas de campaña, sacos de durmir e cociñas portátiles para actividades ao aire libre.

O lugar escollido para acampar foi unha finca da Deputación da Coruña na praia de Balarés, en Ponteceso. Nesa época había clases polas tardes e ao rematar as do venres saímos rumbo a praia nun autobús. Ao chegarmos, montamos as tendas e o grupo da intendencia preparou a cea. A marea estaba subindo e antes de cear, sobre as nove da noite, apetecía dar un baño. A auga estaba morna. Estábase tan ben que había máis ganas de seguir bañándose ca de ir a cear.

Fíxosenos noite e, como case que todos levaran lanternas, empezaron a alumearen as caras e a comparar o alcance de cadansúa. Ao pouco de empezar a cear, vimos con sorpresa como ían chegando varios coches da Garda Civil de varios cuarteis da Costa da Morte e de Carballo. Estaban asustados pensando que se trataba dunha descarga de tabaco de contrabando ou de droga.

Convén contar que ao pé da praia hai un peirao onde se embarcou, durante a Segunda Guerra Mundial, volframio e tamén titanio para os alemáns que se extraían en minas da zona. Ao informarlles aos gardas de que eramos da Universidade Laboral, e ver a uns rapaces, entre 15 e 16 anos, asustados e acompañados dun profesor, quedáronse bastante tempo tranquilizándonos e conversando con nós ao decatárense de que todo fora unha falsa alarma.

Rafael García Ramos, profesor xubilado, 74 anos, Cambre.