Punto e á parte

Diego López Gómez RELATO

AL SOL

20 ago 2019 . Actualizado a las 10:58 h.

Chegaba tarde. A impuntualidade era unha trazo característico de familia que se negara a herdar durante moitos anos pero, finalmente, acabara perdendo aquela batalla. Unha máis. Despois dun par de minutos correndo baixo a choiva, acabou por divisar a porta da cafetería e decidiuse a entrar. Inmediatamente, experimentou un cambio na temperatura ao pasar a un ambiente máis caldeado. Alí dentro, nada era como o recordaba. Dende a última vez que estivera alí, o novo dono substituíra practicamente todo o mobiliario. O local pasara dun desfasado bar de pobo con pouco máis que unha barra eternamente manchada de cervexa, a unha moderna cafetería con internet de balde e elegantes mesas redondas bordeadas de cadeiras. Sentado nunha desas cadeiras, atopábase el. Se a estancia pasara por unha incrible transformación, non se podía comparar coa que sufrira (si, sufrira) o rapaz que agora concentraba toda a súa atención. O tempo fixera del un mozo aínda máis atractivo do que fora na súa adolescencia. Tiña a cara algo máis ovalada, o cabelo negro lixeiramente máis longo e os dentes máis rectos, resultado dunha custosa ortodoncia. Fisicamente, parecíase moito ao rapaz que fora anos atrás. Só os seus ollos azuis revelaban a vertixinosa transformación da que fora vítima. Media hora máis tarde, volveu atravesar a porta co corazón encollido. Xa non lle importaba para nada a choiva torrencial que anegara o pobo durante os últimos días. Botou a camiñar sen cavilalo demasiado e cando se quixo dar conta, atopouse sentado no banco do parque. O seu parque. Deles dous. Volveu pensar no rapaz co que se citara na cafetería. En que momento deses dous se convertera nunha persoa tan diferente? Eses ollos que noutra época foran o mar en calma no que tantas veces se sentira en paz, agora devolvíanlle todo a frialdade que debería ter sentido se o seu corpo fose quen de procesar que estaba empapado pola auga. Agora tería que vivir dos recordos dunha persoa que xa non existía, mantendo na súa mente a calor dun sorriso que, tempo atrás, o significara todo para el.

Diego López Gómez, estudante, 18 anos, Vilasantar.