A empanada


Un ano mais alí estaban os 5 de sempre. Sofía, Antón, Piluca, Paco e Lucía. Criáranse xuntos na aldea de Gres e dende pequenos eran inseparábeis. Os anos foran pasando e agora que todos estaban en distintas universidades, xa non se vían tanto como quixeran. Con todo, había un ritual ao que nunca ningún deles faltaba. Dende ben pícaros, unha noite do mes de xullo collían os sacos e á noitiña marchaban para as insuas de Gres, un arquipélago de incrible beleza formado por 4 grandes insuas poboadas por carballos, situado no medio do río Ulla. Alí, despois de cear, tombábanse boca arriba formando un círculo coas cabezas xuntas e miraban as estrelas ata quedar durmidos. Grazas a que nas insuas non había iluminación artificial, a visión dos astros era moi boa e, a partir da estrela polar, sempre conseguían localizar algunha que outra constelación. Ese ano, amais das tortillas da nai de Antón (as máis saborosas da comarca), cearan unha empanada vexetal feita por Piluca. A rapaza non tiña moito coñecemento sobre vexetais e, aínda que do que máis levaba eran espinacas, tamén lle botara doutras cousas da horta da súa avoa que non sabía moi ben o que eran. O resultado foi que, cando se tombaron en círculo e se puxeron a observar as estrelas como sempre facían, comezaron a sufrir alucinacións. Unha vez que chegou o amencer e comezaron a espertar, todos coincidiron en que viran pequenos puntos de luz que se achegaban voando e rindo ata eles resultando ser…. fadas. Diminutas e fermosísimas fadas vestidas con follas e musgo. Sofía insistía en que eran reais e que non fora unha alucinación, mentres que Paco argumentaba que a culpa fora da empanada de Piluca mesturada coa lenda celta, que todos coñecían desde ben pequenos, que dicía que nos lugares preto dos ríos onde había carballos, freixos e espiños vivían as fadas. O dilema resolveuse cando Antón lembrou que unha delas lle fixera un agasallo. Meteu a man no peto e sacou del un diminuto e perfecto chapeu feito de fentos co que nin sequera Lucía era capaz de cubrir o dedo mainiño...

Raquel López Cacho, enxeñeira informática, 28 anos, Santiago de Compostela.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A empanada