Pasado o tempo, un Estatuto para todos

Fernando González Laxe
Fernando González Laxe PUEBLOGALLEGO

EL PUEBLO GALLEGO

González Laxe, na campaña electoral de 1985
González Laxe, na campaña electoral de 1985

Coas súas lagoas e as súas fortalezas, pódese afirmar que o Estatuto de 1981 serviu para que os que antes estaban en contra agora sexan firmes defensores do mesmo. E ese é o mellor balance 

24 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A actual configuración da autonomía en Galicia tivo a súa orixe hai 40 anos coa aprobación do proxecto de Estatuto que, en 1981, votamos maioritariamente quen acudimos a facelo. Conseguir aquel marco estatutario non foi nada sinxelo. Por unha banda, porque había que encadralo dentro dun marco constitucional que contemplaba feitos diferenciados e diferenciables. Os primeiros eran obvios: tanto Euskadi como Cataluña procedían de estatutos plebiscitados e de gobernos constituídos no período republicano. En tanto que en Galicia, convocada a votar en xuño de 1936, os resultados non chegaron a tempo para continuar co proceso por mor do levantamento militar. Por outra banda, porque na nacente España democrática non cristalizou a concepción dunha nación estruturada en diferentes niveis competenciais e asimétrica na súa configuración de gobernabilidade.

O Goberno daquela (en mans da UCD) quixo pór freo ás demandas dos diferenciados e aplicar normas comúns para o resto. É dicir, propuña unha concesión aos históricos e buscaba igualar, mediante procedementos típicos dunha descentralización, aos restantes.

No debate parlamentario xorden as discusións. Galicia considera que non pode ser menos que as outras dúas comunidades históricas e esixe o mesmo tratamento. Pero non se acada unha unidade de acción ao quedar reflectidas diversas concepcións á hora de plasmar un acordo final, debido ás distintas propostas e ideoloxías do momento, moitas delas aínda herdeiras do franquismo.

Pódese dicir, en primeiro lugar, que o Estatuto de Autonomía de Galicia non foi unha concesión outorgada, senón que foi produto de fortes negociacións, de amplas reivindicacións e de máximas mobilizacións da sociedade galega en defensa dun marco constitucional similar aos vascos e cataláns, e diferenciais ao resto das comunidades autónomas. É dicir, nace do convencemento e da historia.

Para chegarmos ao resultado final foi preciso remover todos os resortes. Desde o plano da cultura e os medios de comunicación, foron moitos quen se manifestaron e prestaron a criticar os recortes competenciais ofrecidos polo Goberno daqueles anos. Desde as perspectivas sectoriais, tamén foron numerosas as entidades que reclamaban unha maior autonomía e unha maior cesión de competencias.

Toda esa concienciación e mobilización fai posible que se modifiquen puntos que significaban unha uniformación ou unha simple delegación de funcións. Podemos recordar frases tan claras e nítidas que recollían o sentir de moitos de nós: «Non ao Estatuto do aldraxe» e «Non ao Estatuto da farsa». Pancartas que ondearon, por exemplo, no Concello coruñés nos momentos de álxida negociación. Houbo, pois, partidos políticos que apoiaron todas esas mobilizacións, como o Partido dos Socialistas de Galicia, en tanto que para outros foron o comezo da súa creba interna.

Hai algúns aspectos destacables que paga a pena comentar. O primeiro, a forte presión que exerceron algúns dirixentes dos grandes partidos sobre os políticos galegos. Os resultados foron, na maior parte dos casos, en van, pois aqueles mozos non nos dobregaramos. Ao contrario, aquela presión axudou a incrementar as nosas enerxías para conseguir un estatuto mellor, máis cheo de competencias (eliminación da disposición transitoria terceira; defensa e cooficialidade do idioma galego; competencias en políticas sectoriais e na planificación económica; ou o referente ás porcentaxes mínimas para obter representación parlamentaria, por citar uns exemplos). Un segundo aspecto a destacar é que as chamadas minorías vasca e catalá ausentáronse das votacións, non manifestándose a favor da defensa dos intereses galegos, deixándonos a nós fronte ao noso propio desafío histórico.

Agora podemos valorar os resultados daquel reto. Con perspectiva histórica, o período 1981-2021 foi completamente positivo. Corresponde á época de maiores avances para Galicia en todos os ámbitos, xa sexa cultural, económico ou tecnolóxico, en benestar e en calidade de vida. Aproveitamos o tempo para levar a cabo grandes transformacións e adaptacións continuas. Incrementamos a nosa renda dispoñible, diminuímos os nosos diferenciais respecto a España, converxemos con Europa na maior parte dos indicadores e posuímos un maior nivel de autoestima, aspecto clave para encarar as seguintes oportunidades de renovación.

Hoxe requírese unha actualización do Estatuto. Cambiaron as formas de gobernabilidade, teñen nacidas novas actividades que son preciso regular, incrementáronse os niveis de competitividade interrexionais. E, sobre todo, as aspiracións da sociedade son distintas ás de hai anos. Porén, é preciso analizar, e logo propor, unha reforma estatutaria, con lealdade constitucional, que permita extraer maior proveito ao que son as nosas competencias e ás relacións cos demais espazos.

Corenta anos máis tarde, pódese afirmar que o Estatuto, coas súas lagoas e as súas fortalezas, serviu para que os que antes estaban en contra, agora sexan firmes defensores do mesmo. E ese é o mellor balance dese texto.