«Non respondemos cunha pregunta porque desconfiemos: queremos máis información»

Gladys Vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

EL PUEBLO GALLEGO

La Voz

Como somos os galegos? Catro expertos explican para La Voz os trazos diferenciais que definen a nosa sociedade. Un colectivo de esencia rural, que mantén viva a tradición oral, emprendedor e explorador do mundo, pero con grandes diferenzas dentro da mesma terra

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacidos entre verdes prados ao son do mar. Illados por terra, traballadores e morriñentos. A fotografía dos galegos e galegas moveuse pouco dos seus marcos ao longo da historia. «Ese retrato é máis o que cre o resto do mundo ca nós mesmos. Non podo afirmar os extremos dunha identidade pura galega, pero penso que temos unha maneira de ser diferente doutros pobos». Esa é unha parte da explicación que un dos grandes estudosos da idiosincrasia do país, o antropólogo Manuel Mandianes, lle dá á unha pregunta: como somos os galegos? Sobre este eixo xirou o faladoiro que La Voz organizou nas súas instalacións centrais no que tamén participaron a investigadora e profesora de Socioloxía da UDC Montserrat Golías, o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, e o físico e divulgador científico Jorge Mira.

Non hai un trazo único que poida definir a un pobo tan marcado polo devir histórico e polas diferenzas dentro da propia terra. «Dise moito iso de que somos un pobo illado, pero a realidade é todo o contrario. Temos percorrido moito mundo e diso fómonos nutrindo», explica Monserrat Golías, experta na emigración, un dos grandes fenómenos que marcou á sociedade galega. Primeiro, aqueles movementos a ultramar a principios do século XX. Despois, a migración europea e nacional dos anos 60. «O illamento estivo presente con Madrid coma símbolo de España, pero fomos un pobo amplamente comunicado. A Canda e o Padornelo influíron por terra, pero por mar conectámonos con outros países e continentes», apunta Mandianes, que volveu ás súas orixes na Limia tras unha vida na emigración. Unha desas vidas na que, aínda a miles de quilómetros, mantiña o sentimento de pertenza. «O centros da colectividade non eran tanto unha transmisión do Estado, senón a transmisión de cada unha das rexións, e nisto Galicia tiña un peso moi importante. Os descendentes dos emigrados eran socializados nesa colectividade na que recibían a identidade das súas propias familias», relata Golías ao falar de que, nese contexto, non se perdía o sentir da terra, e o retorno era sempre a primeira opción.

«En zonas que están moi preto hai diferenzas de adaptación ao medio. O teu contexto en Galicia fai que sexas dunha maneira ou doutra»

Tópicos acertados?

Pero, e dentro da propia Galicia? Que nos diferenza? Para Jorge Mira, a orografía e o clima modelan as sociedades: «Aquí —apuntaba— escarvas no chan e sae auga. Como cada quen tiña un pozo, iso fixo que Galicia teña unha atomización sen parangón en Europa. Se España ten 60.000 núcleos, a metade son galegos. A dispersión xeográfica fai que teñamos esta riqueza». Mira refírese aos microcosmos que existen dentro das zonas interiores, pero tamén no propio litoral. «A maioría da poboación vive na costa atlántica, pero a costa é un concepto máis fino do que parece. O meu pobo está a poucos quilómetros do mar, pero somos da montaña. O pesco vive ao azar do que lle toca. É unha lotaría. O que sacha fai unha previsión do ano. En zonas que están moi preto hai grandes diferenzas de adaptación ao medio. O teu contexto fai que sexas dunha maneira ou doutra», explica sobre as diferenzas dunha mesma Galicia definida polo mar, a terra e o rural. Unha orixe que merece ser traída ao presente. «Cando se inaugurou o Museo do Pobo Galego, en 1977, aquel era un museo da actualidade. Hoxe, o meu fillo de vinte anos non coñece moitos dos obxectos do rural que temos alí e, sobre todo, a historia das persoas tras eses obxectos. Temos unha tradición, unha memoria colectiva, e eu creo que eses elementos teñen significado mentres os compartimos cos demais. Eu síntome galego porque falo con vós de certas cousas e non teño que explicalas», apuntaba Manuel Vilar.

Galicia mantén esencias que perduran no tempo. Manuel Mandianes insiste na herdanza da tradición oral: «Medrabamos cos contos ao carón do lume». Tamén no tesouro que hai detrás da idea de que os galegos son desconfiados. «Eu sempre defendín que, cando nos din que respondemos cunha pregunta, non é porque desconfiemos, é porque queremos máis información». Para Montse Golías esta é unha marca da historia na sociedade: «Fomos un pobo con moito control social, moito pouso do catolicismo e da represión. Á marxe disto, sempre se di iso de ‘‘pobo pequeno, inferno grande’’. Esa desconfianza poder ter que ver con ese tempo. Co temor ao que dirán, a non querer sobresaír do grupo».

«Dise que os galegos somos un pobo illado, pero iso é mentira. Temos percorrido moito mundo e diso fómonos nutrindo»

«Nun velorio choras e escachas coa risa: é o noso sentido traxicómico»

«A xente de fóra, cando nos oe falar da morte, como falamos de calquera cousa, sorpréndese. Din: ‘‘como falas así, se incluso ris’’». Así define Manuel Mandianes a tan particular relación coa morte que teñen os galegos. «Sempre poño o exemplo do velorio da miña nai. Aquela noite chorei, recei, escachei coa risa, bebín augardente e, pola mañá, volvín chorar. É o sentido traxicómico. Temos unha familiaridade coa morte que non teñen outros pobos», explica. Unha construción social que confirma Montse Golías. «Ten que ver cos vínculos de apoio como comunidade. Tanta xente te acompaña nun momento como é un velorio que si, ás veces convértense en festas». Expresións particulares de cariño que non sempre se levan ao fogar. «Outra cousa que chama a atención é o xeito de comunicarse dos maiores. Unha vez preguntáronme: ‘‘Os teus pais non se queren, non si?’’. Iso era porque os vían en silencio, sen bicarse ou acariñarse. Eu dicía que si que se querían, que estaban en silencio rumiando o que se tiñan dito durante tanto tempo», conclúe Mandianes.

«Xente de fóra preguntoume unha vez: ‘‘Os teus pais non se queren, non si?’’. Iso era porque os vían en silencio, sen bicarse ou acariñarse»

«A transición entre a nosa xeración e a dos nosos pais foi a maior da historia de Galicia»

A aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981 coincide cun dos grandes saltos da historia de Galicia. «A transformación da sociedade foi moi rápida nas últimas catro décadas. Prodúcese un despegue pola educación. A transición entre a nosa xeración e a dos nosos pais foi a maior da historia». O científico Jorge Mira fai memoria e non aprecia que semellante cambio se producira entre as xeracións máis próximas a hoxe en día. «Cando nacín, faciamos as nosas necesidade na corte das vacas, que estaba na parte de abaixo das casas. A miña vida pasou diso a ter un baño e un salón onde estaba a corte. É un exemplo, pero iso pasou en moi pouco tempo», relata co pesar de que haxa aínda quen segue a empregar argumentos do pasado para dicir que o galego é un pobo atrasado. «Volvemos a un imaxinario construído por outros. Creouse a imaxe de xente emigrante, traballadora e sen cultura. Mantense daquel momento no que a necesidade botaba aos galegos da aldea. É importante sinalar que xa aquelas persoas estaban moi preocupadas pola educación dos fillos para que puidesen medrar e fuxir desa etiqueta», engade Golías.

«Fomos e seguimos sendo rurais, pero a diferenza entre o rural e o urbano xa non ten cabida. Somos cidadáns do mundo»

A Manuel Vilar gústalle poñer un exemplo sobre ese título de bos traballadores que segue a marcar o retrato dos galegos. «Hai un anuncio en The New York Times cando se construíu o Canal de Suez no que pedían galegos. Por que? Pois porque traballaban e non protestaban. Fomos e seguimos sendo rurais, pero a diferenza entre rural e urbano xa non ten cabida. Somos cidadáns do mundo».

Corenta anos de profundos cambios, que non sempre quedaron ben asentados. «Dáme rabia que nos chamen pobo ignorante», apunta Vilar. Para Mira, a maior ofensa ten que ver coas comunidades históricas: «Non me gusta que se fale da diversidade do Estado, de Cataluña e Euskadi, e que se tenda a esquecer a Galicia».