Canteira Fest, un festival comprometido co feminismo e coa música en galego

Alfredo López Penide
L. Penide VILABOA / LA VOZ

VILABOA

LÓPEZ PENIDE

18 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Si es machista, non estás invitado». Contundente, Clara Bells deixaba onte claro o espírito do Canteira Fest, un festival comprometido co feminismo e coa música en galego que este sábado desenrolará a súa primeira edición na Canteira de Paredes, no municipio de Vilaboa.

A cita arrancará as once da mañá coa presentación do festival e a actuación de Sheila Patricia. Posteriormente, xa entorno a unha e media, o grupo sorpresa, Os Meninos, subiranse ao escenario para logo dar paso a unha jam session aberta a que queira participar.

Dende as catro e media e durante toda a tarde desenrolaranse actividades para os máis cativos, mentres os maiores asisten a un coloquio centrado no rol da muller na cultura e no que participarán Isabel Risco, Tamara Andrés, María Costas e Xulia María. Logo da festa da escuma e da actuación de Migallas darán comezo os pratos fortes do Canteira Fest.

Deste xeito, dende as nove e media, se sucederán os concertos de The Tetas Van, De Vacas, Sondarúa e The Lelli Kelly’s para, xa en torno as cinco menos cuarto da mañá, arrancar una sesión DJ ata que o corpo aguante.

No entorno da canteira habilitaranse postos de comida e artesanía, mentres que a zona de acampada se establecerá no pavillón do Toural. E para os desprazamentos, chegouse a un acordo cos taxistas da vila para acadar un prezo reducido dun euro por persoa.

Neste sentido, o deputado Xosé Leal no tivo dúbida en definir a esta cita coma «un festival que marca tendencia», xa que é dos que «fan reflexionar sobre a música en galego, sobre a figura da muller, sobre o ecoloxismo... son os festivas que nos definen como galegos». Leal destacou que se trata dunha cita friendly a todos os niveis.

«Creo que vai a ser o primeiro festival de moitos», precisou a tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández, ao tempo que se mostrou convencida de que este evento vai ter un importante retorno económico para o Concello.