O Vilalonga recibirá o domingo o Arousa con novo técnico tras prescindir de Luciano

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

SANXENXO

Martina Miser

A directiva celeste decidía onte á noite o nome do relevo para tentar saír do pozo

11 nov 2024 . Actualizado a las 19:02 h.

Un empate sen goles, e grazas. O Vilalonga de Luciano González tiña na mañá do domingo un exame final. Penúltimo na clasificación, visitaba a un Atlético Arteixo pechacancelas con só un punto máis no seu haber. Con unicamente 6 puntos dos 30 disputados nas dez primeiras xornadas de Liga, a directiva que preside Pablo Estévez acordou na noite do mesmo domingo destituír a Luciano González. Unha decisión que fixo pública a través dun comunicado de prensa e nas redes sociais do club acompañada do recoñecemento ao técnico polos servizos prestados: «Esta directiva agradécelle o traballo realizado e os logros acadados neste tempo e deséxalle a mellor das sortes no seu futuro, tanto profesional como persoal».

Tras esta última parte do comunicado aparecen os dous títulos, de campión de Liga do Grupo Sur da Preferente Autonómica e mais da Copa Deputación, reunidos a campaña pasada co gran premio do regreso a Tercera logo de seis anos fóra da categoría.

O presidente do Vilalonga, Pablo Estévez, atribuíu a saída de Luciano González a «razóns estritamente deportivas. Cremos que precisamos un cambio. A ver se conseguimos cambiar a dinámica, darlle un aire novo e sacar o equipo adiante. Estamos segundos pola cola, pero non é alarmante, non estamos descolgados. Pero tiñamos que tomar unha decisión antes de estar desafiuzados». E iso pasa por, di, «un adestrador que saiba un pouquiño da categoría e con experiencia neste tipo de situacións». A intención da directiva era comezar a buscar este mesmo luns, pero xa o domingo á noite, nada máis emitir o comunicado, dous adestradores se lle ofreceron e na mañá seguinte un terceiro. Entre os tres tiñan previsto os responsables do Vilalonga elixir na noite deste luns o novo técnico, que fará a súa estrea no gran derbi fronte ao Arousa, este domingo ás 16.30 no Novo San Pedro.

Pola súa banda, Luciano González, que accedera ao banco do Vilalonga mediada a campaña 2022/23 coma relevo de Ricardo Fernández, recoñece estar vivindo un momento duro: «A verdade é que son 6 puntos de 30, pero tamén que estamos a 2 da permanencia, non a 8. Creo que a situación se podía sacar adiante. Pero hai que aceptar a decisión que toma a directiva. Estou amolado. Non é prato de bo gusto saír así. Nós traballamos todo o que puidemos e máis».

Con todo, o xa ex preparador do cadro celeste quere devolverlle ao Vilalonga a consideración que lle transmitiu na súa despedida: «Agradecerlle ao club a posibilidade que me deu de coller o equipo e a oportunidade de continuar o proxecto unha vez ascendemos», incluíndo así no seu inda curto currículo deportivo esta breve experiencia á fronte dunha franquicia na Tercera RFEF.