A nova unidade de atención temperá para nenos con dificultades chegará a máis familias do Salnés a partir de abril

La Voz SANXENXO

SANXENXO

Instalacións da Udiaf situada en Vilagarcía
Instalacións da Udiaf situada en Vilagarcía MARTINA MISER

A nova unidade abrirá en Vilalonga e dará cobertura aos concellos de Cambados, Meaño, Meis, O Grove, Ribadumia e Sanxenxo

28 mar 2023 . Actualizado a las 16:26 h.

A longo do mes de abril está previsto que abra as súas portas a nova unidade de desenvolvemento infantil e apoio familiar do sur do Salnés (Udiaf Salnés Sur), situada enVilalonga (Sanxenxo), o cal permitirá dar asistencia a máis dun cento de nenos de cero a seis anos residentes nos concellos de Cambados, Meaño, Meis, O Grove, Ribadumia e Sanxenxo. O servizo é público e gratuítovén a completar os recursos asistenciais da Rede Galega de Atención Temperá na comarca mediante o desdobramento da actual Udiaf Salnés radicada en Vilagarcía que a partir de agora cubrirá exclusivamente a demanda asistencial de Vilagarcía, Vilanova e a Illa de Arousa.

«Desta forma, se espera que no horizonte do presente ano poida prestarse unha asistencia de calidade, sen demoras e sen listas de espera no conxunto da comarcaO acceso aos recursos da Rede Galega de Atención Temperá realízase a través do pediatra de atención primaria ou especializada», segundo informa a Asociación Galega de Atención Temperá.

A unidade está configurada como un equipo interdisciplinar de catro profesionais que traballará en contacto coas redes de servizos e asociacións de familias para facilitar unha detección, identificación e intervención temperá, que permita unha abordaxe cada vez máis precoz e máis eficiente das problemáticas detectadas.

Conforme ao protocolo de Coordinación, Intervención e Derivación da Rede Galega de Atención Temperá a tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todo o ámbito do desenvolvemento infantil: problemas afectivo-emocionais, de conduta, da comunicación e da linguaxe, sensoriais, motrices ou cognitivos. A unidade contará tamén co apoio administrativo e supervisión técnica da Asociación Galega de Atención Temperá.

Este venres ás 11 horas terá lugar un acto na sede de Vilalonga para presentar o servizo.