O medo no corpo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

SANXENXO

MARCOS CREO

22 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai maneiras de vivir moi difíciles. Unha delas é a de ter o medo no corpo. Pode ser por sufrir unha enfermidade, non saber se seremos quen de chegar a fin de mes ou... sentirse continuamente ameazada.

Destes medos resulta imposible fuxir. Como conciliar o sono se quen te acosa non deixa de ameazarte? Incluso pesando sobre el unha orde de afastamento, o criminal lograba facer chegar á vítima mensaxes ao teléfono, en notas escritas, lanzaba pedras contra as ventás da súa casa... e ata chegou a atropelala. Tamén creou un perfil cos seus datos nunha páxina web de contactos na que supostamente ofrecía servizos sexuais. Ou sexa: toda unha odisea sobrevivir a este derribo permanente.

Poderán pensar se non se tomou ningunha medida contra el. Tiña unha pulseira de localización, pero a alarma que activaba a mesma non deixaba de soar. O motivo? Esgotamento de batería, desconexión do teléfono, que fora manipulada ou estaba estragada.

Se soa a alarma... que facer? Tremer atemorizada. Porque o aviso podía producirse a plena luz do día ou no medio da madrugada. Como non ter medo? E se conseguía achegarse? Só avisando á vítima non se asegura a súa protección. Mastigar o pánico era a única opción.

Iso é vivir co medo no corpo. E así non se pode. Finalmente decretouse a prisión provisional. Pero... quen lle asegura á vítima que non saia mañá? Porque vai recorrer.

Como para durmir tranquila... imposible.

O peor é que isto non é ciencia ficción. Tan real coma que os feitos ocorreron na vila galega de Sanxenxo.