
O colectivo presenta varias alegacións ante solicitude de prórroga da concesión para a explotación da zona por parte de Cerámicas Campo
09 sep 2022 . Actualizado a las 10:23 h.O Colectivo Ecoloxista do Salnés vén de presentar unha serie de suxestións ao estudo de impacto ambiental presentado pola empresa Cerámicas Campo, documento que tiveron que presentar para a tramitación na Xunta da concesión da prórroga por outros trinta anos máis para a explotación do sector de Fianteira en Vilalonga (Sanxenxo). A zona está parcialmente protexida dentro da Rede Natura 2000 polo valor paisaxístico e ornitolóxico das lagoas que se formaron tras a naturalización dos ocos de extracción de arxilas, abandonados nalgúns casos dende fai décadas.
As suxestión céntranse en tres puntos: solicitar as medidas de máxima cautela nas actuacións que se fagan lindantes a aquelas lagoas antigas xa naturalizadas e que teñen valor ambiental, estean en Rede Natura ou próxima a ela como alonxar as novas escavacións das súas proximidades, non empregalas como zona de verteduras de augas ou terras e aumentar o control de ruídos no entorno e da turbidez nas súas augas; solicitar un plan de vixilancia ambiental máis detallado e cun cronograma asociado para establecer un procedemento de control das posibles afectacións ambientais dos seus traballos e en terceiro lugar solicitar que os traballos de control de especies invasoras así como a revexetación da zona explotada, (que a empresa se compromete a facer no seu plan de rexeneración para compensación dos danos ambientais ocasionados na zona), debe estar máis detallado e debe ampliarse no tempo, «pois a xuízo do CES os traballos de erradicación de especies invasoras como a herba da pampa non se fai en 2-3 anos como se propón no documento senón a máis longo prazo».
«Ademais propoñemos que ditos traballos non se agarde a facer ao remate dos 30 anos, senón que se fagan simultaneamente ao período de obra. Así, unha vez vaian avanzando na zona de escavación poderían ir actuando na rexeneración da zona abandonada. Deste xeito a Consellería de Medio Ambiente podería ir levando un control dos compromisos ambientais que a empresa plasmou na documento do estudo de impactos e conseguir certa garantía de cumprimento», apuntan desde o colectivo.