O camiño real de Sanxenxo á Zarzuela

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

SANXENXO

Lavandeira | EFE

24 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dos moitos camiños que ten Galicia, este de Sanxenxo é o máis inédito, pero vai ter moita transcendencia política. A chegada directa de Xoán Carlos I do golfo arábigo a Sanxenxo das Rías Baixas está a ser fonte inevitable de controversia política e social. Moitos lembran agora, nestes anos de escándalo do rei agora emérito, os seus pasados méritos, que atribúen á capacidade para pasar de ser príncipe dos Principios do Movemento a rei constitucional. Non foi logro menor, porque Xoán Carlos foi escollido por Franco, como fillo do lexítimo herdeiro, don Juan de Borbón, para ser educado na España da ditadura e facer verosímil a definición de monarquía que dera a Lei de Sucesión a aquel réxime totalitario, enchendo de contido a rexencia vitalicia que o ditador se atribuía naquela lei de 1947. Pasarían dúas décadas, unha voda real, dúas fillas e un fillo varón ata que en 1969 fora designado polo ditador príncipe de España para unha monarquía do 18 de xullo, non príncipe de Asturias como sería dinásticamente lexítimo e obrigado.

Convertido en rei á morte de Franco, colaborou coas forzas que dentro do Movemento, nas democracias occidentais e na oposición democrática buscaban unha saída convencionalmente pluripartidista a través dunhas eleccións máis ou menos libres. Celebradas en 1977 o resultado abriu a porta a unha Constitución con menos lastres do franquismo do que, visto dende hoxe e xa dende o golpe de Estado de 1981, cabía agardar. Esta é visión de historiador e como tal resulta obrigado traer a este presente a ignominia que non poucos devanceiros de Xoán Carlos trouxeron ao Estado liberal español.

As súas leas económicas e as da súa vida privada, dende Isabel II a hoxe, pasando por Alfonso XIII, casaron mal co liberalismo e a democracia de cidadáns libres e iguais. A secuencia sempre comezou polo uso arbitrario, ou choqueiro ás veces, do privilexio real; seguiu pola ocultación a que obrigou ese mal uso, e rematou sempre nun escándalo cando a prensa e a opinión pública o descubriron. Emendar e tapar os seus enredos deixou moitas veces en evidencia ao Estado e aos seus aparatos e servidores. Isabel, con sor Patrocinio —a monxa das chagas— e moitas trapalladas máis deu a Valle-Inclán as mellores páxinas para a súa Corte dos milagres. O absurdo papel de Alfonso XIII e dos seus protexidos no desastre de Annual, revelado polo informe do xeneral Picasso, levou á creación dunha comisión parlamentaria do Congreso en 1922.