Vellos, vídeos e cacos

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

SANXENXO

siro

21 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte recibín por WhatsApp un dos moitos vídeos que circulan na rede para convencer aos vellos de que temos unha vida marabillosa porque nos deitamos cando queremos, erguémonos cando nos dá a gaña e gozamos doutros privilexios semellantes. O texto e a locución tentan convencernos de que a idade de ouro do ser humano está entre os 70 e os 90 anos, e deben de ter éxito porque recibo os vídeos de quince ou vinte amigos que me queren ben. O de onte é diferente: máis filosófico, menos sensorial. Para min que mo enviou o rei emérito, recén chegado a Sanxenxo. Unha voz de barítono baixo, con suave acento sudamericano, advírteme: «Cada vez que alguien te llame “viejo”, sonríe con el señorío y la tolerancia que te dan los años. Hazte a la idea de que te llaman “triunfador”, porque es casi lo mismo. No hay hazaña mayor que vivir la vida completa y tú lo estás logrando». Recordei a un ferrolán borrachuzas que predicaba entre cunca e cunca de ribeiro: «Coidádevos, que un corpo ben coidado pode durar toda a vida».

Sempre se valorou o saber dos vellos e o refraneiro recorda que «máis sabe o demo por vello que por demo» e que «o can vello cando ouvea dá consello». Pero tamén recolle sentenzas negativas, igualmente enxeñosas: «O vello a estirar e o demo a engurrar», «Morto por morto, antes o vello que o porco»; e un sen fin de proverbios, epigramas e cantigas populares mófanse dos vellos verdes, das vellas gaiteiras, dos vellos e vellas cutres e dos vellos que casan con mozas e adoecen de ciúmes. Todo iso asumímolo os vellos con bo humor, como fixeron os nosos avós e farán os nosos netos. O malo é que nos últimos anos os vellos deixamos de ser respectados por parte da sociedade e apareceron os delincuentes sen alma que nos agreden con violencia infinita para roubarnos. Benigna, viúva e veciña, fai mil andrómenas para que non a sigan cando vai por cartos ao banco; pero esta vez non lle valeron. Ao abrir o portal, un caco cun coitelo colouse detrás dela e esixiulle o diñeiro. Benigna, case co infarto, meteu a man no bolso, deulle o sobre e o caco saíu correndo. Á tarde chamou á filla e contoullo. A filla animouna, preguntoulle se fora á policía e Benigna explicoulle:

—Non, porque, verás: como teño incontinencia de orina, levo no bolso unha compresa e para que non se vexa métoa nun sobre igual ao dos cartos; e cando o caco me atracou, botei man ao bolso e deille o que saíu; e era o da compresa.

Ás veces mesmo parece que Deus protexe a inocencia.