O Umia desafía esta tarde o líder invicto, o Interrías

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

SANXENXO

MONICA IRAGO

As de Jito suman o factor campo á súa brillante xeira de resultados

20 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campo da Bouza de Barrantes acolle esta tarde non só o único derbi arousán na Primera Nacional, a categoría de bronce do fútbol feminino español. Esta tarde, desde as catro e media, o duelo que coprotagonizan o Umia C.F. e o Viajes Interrías de Sanxenxo é tamén o partido rei da décima xornada de Liga do Grupo 1 da división.

Non en van, falamos dun conxunto local, o Umia C.F., que se atopa nun brillante momento de forma que lle permite soñar con ser o rival quen de endosarlle ao líder invicto a súa primeira derrota da temporada.

Sustentado sobre os goles de Eva, 10, e de Nati, 7, as dúas máximas anotadoras do Grupo 1 da Primera Nacional, e coa veterana Míriam Domínguez, Domi, organizando o xogo de ataque desde a mediapunta, o Umia C.F. vén de gañar os seus últimos catro partidos da competición, precedidos dun empate. Trece dos últimos quince puntos sumados para un total de 16, que o sitúan no cuarto posto da clasificación provisional.

Sete son os puntos que separan o conxunto ribadumiense do hoxe líder, que gañou sete dos seus nove encontros, cedendo ata o día de hoxe tan só dous empates. Con todo, con 23 puntos, o Viajes Interrías non pode permitirse ningún traspés, en tanto o Sárdoma e o Friol lle pisan os talóns con 21 e con 20 puntos, respectivamente.