Telmo Martín: «A maioría absoluta recoñece que con traballo e resultados chega o premio»

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

RAMON LEIRO

O rexedor de Sanxenxo, que gobernou os dous últimos anos nun bipartito con SAL, logrou dez escanos

02 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Telmo Martín e o PP teñen agora, con 10 concelleiros, unha cómoda maioría absoluta.

-¿Como vaiactuar o novo goberno de Sanxenxo?

-Seguiremos traballando, con responsabilidade e humildade.

-¿Vía vir este resultado?

-Esperaba gañar, pero as maioría absolutas cada vez son máis difíciles e sacar unha tan grande eu creo que é o recoñecemento a que con traballo e resultados chega o premio. Agora hai que ser moito máis humilde para que a xente te siga apoiando.

-Para ben ou para mal é un rexedor moi controvertido. ¿Síntese alcalde de todos os sanxenxinos?

-Por suposto, os votos non teñen nomes e apelidos, e espero que nesa furna chea de votos do PP, e polo tanto de Telmo Martín, haxa de todas as ideoloxías.

-¿Cal foi a clave deste éxito tan abrumador en Sanxenxo?

-Traballar, traballar e traballar.

-¿Valeu a pena o bipartito ou na a oposición lograría máis votos?

-Valeu a pena que gobernara o PP, como se puido demostrar, e foi bo para Sanxenxo.

-A Gonzalo Pita e aos outros dous concelleiros de SAL que pactaron con vostede, ¿que lles diría?

-Eu lles digo que o mal resultado que tiveron vén motivado pola división do seu partido. As divisións non son boas. Se sumas os votos deles e os da lista da outra persoa que saíu daí [referencia a Vanessa Rodríguez Búa] terían agora tres concelleiros.

-¿Que aportou ao bipartito?

-SAL aportou deixar a alcaldía para que gobernara o PP, polo tanto estabilidade; e o PP experiencia, traballo e humildade.

-¿Esperaba o mal resultado de Catalina González?

-Non me parei a miralo. Eramos 4 partidos a pescar no mesmo caladoiro polo tanto eu analizaba o conxunto para poder pescar máis peixe nesas redes que os demais.

-¿Como sentou en casa a vitoria?

-Ben, eu fágolle caso a miña filla. A vitoria sentou ben.

-E a súa muller non lle dixo que xa chegaba de ser político.

-Desta vez non, díxomo no 2015.

-¿Por que unha persoa que xa foi alcalde quere repetir?

-Por poder facer cousas polos demais, poder mellorar a vida ás persoas no que se pode, e se podes facer cousas polo teu concello, ¿por que non?.

-¿Volverá presentarse?

-Iso está moi lonxe. Dentro de 4 anos xa se verá. Primeiro ten que querer o partido ao candidato, e tamén querer o candidato, e se as dúas cousas se dan ao mellor si ou ao mellor non.

-¿Cal é a súa prioridade?

-Imos licitar a baixada da liña de media tensión para poder comezar a construír o novo colexio de Vilalonga no Revel. Estamos co plan de desenvolvemento do novo porto de Portonovo. Sobre todo estamos planificando o que ten que ser un Concello, que é prestar os servizos básicos a todos os veciños vivan onde vivan. Nestes primeiros dous anos de mandato, prepararemos un plan para que en calquera punto onde se viva haxa alumeado, auga, pista asfaltada, recollida de lixo e demais.

-Pois falando de servizos, na era dixital, Sanxenxo é deficitario.

-Si, estamos traballando niso e esperamos que no 2020-21 en calquera vivenda e negocio teñan acceso a Internet.

-¿Que facer para que Sanxenxo non morra de éxito?

-Seguir crecendo en temporada media e baixa e facer as cousas moi ben en temporada alta. En resumo, facer as cousas ben.

-Conseguiu desatascar o polígono de Nantes, ¿como enchelo?

-Estamos niso. Hai máis de 30 empresas que pediron licenzas e imos facer un plan de promoción para explicar ás empresas que aquí teñen todo o que necesitan.

-Un problema aquí é aparcar.

-Temos que habilitar párkings disuasorios para facilitar que as persoas aparquen e ao mesmo tempo seguir promovendo as rúas tanto en Sanxenxo como en Portonovo, con regulación de tempo.

-En Sanxenxo vense moitas urbanizacións paradas.

-Estamos reactivando todo ese tema dicíndolle aos propietarios deses solos que hai que moverse. Debemos ter capacidade de conseguir vivendas para mozos, tanto en réxime de aluguer como de venda e iso ímolo facer a través da empresa pública Ínsula.