Escolas que namoran

Lidia Gómez

SANXENXO

28 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As escolas unitarias aportan moita vida no seu pobo. Permiten que as persoas que viven no rural non teñan que desprazarse moi lonxe cos seus pequenos para recibir educación de calidade. Os grandes protagonistas, nenas e nenos, desenvólvense e aprenden mentres respiran aire puro, en contacto coa natureza, no patio escolar , entre risas e xogos, danse baños de árbore; eses tan cobizados no Xapón polos seus beneficios para a saúde.

Nestas escolas podemos mirarnos aos ollos, escoitar a cada un. Todos senten que son visibles e teñen voz dentro do grupo porque é unha educación en calma, serena, sen présas. Aprendemos e coidámonos uns dos outros.

As mestras senten que teñen un lugar entre a veciñanza, entre as familias, e entréganse compracidas, con agarimo e esforzo, ás labores que esixe ser responsables destas escolas. Gozando, ao mesmo tempo, dos privilexios dunha escola unitaria : atención moi personalizada ao alumnado, recursos humanos e diversidade de materiais, tentando que as experiencias vividas poidan ser gardadas coma tesouros e agradecidas, con orgullo, pola estima e a colaboración de toda a comunidade.

As familias aprecian a escola como unha oportunidade única e afirman que os seus fillos aprenden valores tan importantes coma o respecto, a humildade, o amor cara aos demais, a educación emocional.

Valoran a atención educativa, o trato , a convivencia, os coidados excepcionais só comparables coa dedicación e o agarimo que se lles dá na casa.

Así o describe unha nai: «La escuela unitaria es ese colegio al que llegas siendo el pequeño ( 3 años ) y te vas siendo el mayor ( 5 años ). Ya solo esto es un gran aprendizaje... Los pequeños admiran y respetan a los mayores y los mayores cuidan y protegen a los pequeños. El vínculo que se crea perdura a lo largo de muchísimos años, al igual que el vínculo con los profesores, por su trato tan cercano y personalizado. No dejemos que nuestros hijos se lo pierdan».

*Este artigo foi redactado coa colaboración das mestras e familias das escolas de Aios (Sanxenxo), Amil (Moraña), Curro (Barro), Lantaño e Romai (Portas) e tamén do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Caldas.