Viajes Interrías, para seguir gozando dos partidos sabatinos

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

SANXENXO

O terceiro equipo de fútbol veterán de Vilalonga vive a súa quinta tempada en competición

27 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Con pouco máis de 3.000 habitantes, a parroquia de San Pedro de Vilalonga é unha gran factoría balompédica. Alomenos no que se refire á Asociación de Futbolistas Veteráns de Pontevedra, con tres equipos inscritos nos seus sete cadros de competición. Co Vilalonga C.F. como referente, por antigüidade e categoría, actualmente duodécimo no Grupo 1.º, e co Grupo 4.ºB reunindo esta tempada os outros dous conxuntos locais, o Centro Cultural Vilalonga, e mais o Viajes Interrías Vilalonga, fillo e neto do equipo de División de Honra, e inquilinos do mesmo terreo de xogo os tres, o Campo do Revel.

E é que igual que o C.C. Vilalonga xurdíu no seu día dunha escisión do Vilalonga C.F., o Viajes Interrías fundábase no arrinque da presente década cando media ducia de futbolistas do C.C. Vilalonga decidiron montar o seu propio proxecto coa intención de seguir disfrutando dos partidos dos sábados nas Ligas de Fútbol Veterán de Pontevedra. Porque, como explica un dos seus dous delegados, Miguel Prieto, «a nosa filosofía é», ademais de «tentar gañar sempre, pasalo ben, e tomar unhas cervexas ao rematar o partido».

O Viajes Interrías, como os dous equipos predecesores da parroquia no campionato de veteráns, nada ten que ver co Vilalonga F.C. da Preferente Sur de afeccionados, comenta Miguel Prieto, inda que sexan varios os ex xogadores do club celeste que, por razón dunha pura lóxica xeográfica, militen nas súas respectivas filas.

O Viajes Interrías Vilalonga compite cun par de decenas de xogadores na que é a súa quinta campaña en competición, mantendo unha nómina que no seu primeiro exercicio deportivo lle permitira acadar o ascenso como debutante desde o daquela Grupo 6º. ao 5.º. Tres campañas encadea hoxe na cuarta categoría, a última das Ligas de Veteráns de Pontevedra tras a última reestruturación. Este ano, no grupo A, no que se atopa pelexando polo ascenso, terceiro na clasificación provisional ao termo da xornada 23 e tras un traballado 4-3 sobre o Carballo da Portela ACD nun encontro máis esixente do que agardaban nas filas sanxenxinas.

A tiro de 4 puntos do A Diario Multitiendas, ocupante do segundo e último pasaporte á Terceira, e con 7 de desvantaxe respecto ao primeiro clasificado, o Terras do Umia, o Viajes Interrías Vilalonga, presume Miguel Prieto, foi o único conxunto quen de derrotar o sólido líder, 4-2 o pasado mes de novembro.

O delegado do Viajes Interrías tira da curta historia do equipo para non botar as campás ao voo, lembrando como «unha tempada pechamos a primeira volta da Liga líderes, e rematámola descendendo». A Liga é longa, e non ha lugar á relaxación.