A exposición «Mulleres Femupo, mulleres que fan Camiño» recala en Portas

Alfredo López Penide
L. Penide PORTAS / LA VOZ

PORTAS

A mostra inaugurouse este luns na Casa da Cultura de Portas
A mostra inaugurouse este luns na Casa da Cultura de Portas FEMUPO

Dente este luns, a mostra Mulleres Femupo, mulleres que fan Camiño pódese visitar na Casa da Cultura de Portas. Trátase dunha iniciativa cultural, educativa e social que achega a diferentes concellos da provincia as historias de mulleres e entidades que abriron camiño en distintos ámbitos da sociedade.

Esta exposición, segundo precisaron dende Femupo, «forma parte dun proxecto que conecta igualdade, referentes femininos, territorio e valores do Camiño de Santiago, utilizando as traxectorias das galardoadas nos Premios Mulleres Femupo como ferramenta para visibilizar o talento feminino e ofrecer referentes próximos á cidadanía».

Composta por sete paneis, o primeiro opera a modo de presentación e contextualización do proxecto, mentres que outros cinco céntranse nas diferentes edicións destes premios, do 2022 ao 2026. O último dispón de códigos QR que permiten acceder a vídeos e outros contidos dixitais. Con este galardóns, Femupo «recoñeceu mulleres, colectivos e entidades vinculadas á cultura, deporte, empresa, administración e asociacionismo, poñendo no foco historias que contribúen a construír unha sociedade máis igualitaria».

Este proxecto parte dunha idea fundamental, a de que os referentes importan. Deste xeito, incidiron en que «coñecer mulleres que romperon barreiras, lideraron iniciativas, emprenderon, crearon ou contribuíron ao ben común permite ampliar as posibilidades que outras mulleres e, especialmente, as novas xeracións poden imaxinar para o seu propio futuro». «Poñer a mulleres referentes no foco é un gran paso. Queremos que as súas historias non queden só nun recoñecemento, senón que se convertan en exemplos capaces de inspirar e abrir camiño a outras persoas», engadiron ao respecto.

Talleres e actividades

A mostra, por outra banda, incorpora talleres e actividades participativas arredor da igualdade, os referentes femininos, a corresponsabilidade, os hábitos responsables e o coidado do territorio. Entre estas propostas, destacaron a que leva por título As mulleres que fan o noso Camiño, «unha dinámica coa que as persoas participantes identifican mulleres referentes das súas propias vidas, demostrando que os referentes tamén están nas nosas familias, barrios, asociacións e comunidades».

Pola súa banda, o alcalde Ricardo Martínez insistiu na idea de que «dar visibilidade ás mulleres que abriron camiño é tamén contribuír a construír unha sociedade con máis oportunidades e igualdade. Desde o Concello queremos apoiar este tipo de propostas porque, ademais, permiten que a mensaxe chegue directamente á cidadanía e, especialmente, ás novas xeracións». Ao tempo, que remarcou que «os referentes son fundamentais porque permiten demostrar, con exemplos reais e próximos, que non existen ámbitos reservados nin límites que deban asumirse de antemán», así como considerou especialmente positivo «achegar estas historias ao ámbito local e facer que unha exposición destas características percorra tamén os concellos e o rural».

Á vista desta filosofía, Martínez defendeu que «desde as administracións locais tamén temos a responsabilidade de facilitar espazos para a sensibilización, a educación e a igualdade real, facendo visibles exemplos que poidan servir de estímulo para as xeracións que veñen detrás», concluíu.