Centos de nenos berran en Pontevedra «Co galego no corazón facemos revolución»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PORTAS

O Correlingua reúne na cidade do Lérez a centos de alumnos de oito concellos

22 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis, a rapazada de Pontevedra e a súa contorna botouse á rúa para reivindicar o galego nunha nova edición do Correlingua, Esta cita anual reuniu este xoves na cidade do Lérez a centos de nenos e adolescentes procedentes dunha vintena de centros educativos de oito concellos da provincia: Ponte Caldelas, Barro, Vilaboa, Portas, Meis, Vilagarcía, O Grove e, claro está, Pontevedra. E todos eles para berrar ben alto: «Co galego no corazón faremos revolución».

Tras recorrer o casco urbano capitalino, os escolares desembocaron na Alameda, onde gozaron cun concerto de Sniff & Crash. Previamente, Luis O Caruncho foi o encargo de ler o manifesto, no que deixou claro que do que se trata é de «defender a lingua con amor e intelixencia», toda vez que a revolución «é nosa porque somos presente e futuro da lingua», ao tempo que «queremos ser diversidade, empatía e respecto».

De igual xeito, remarcou a preocupación «pola nosa cultura», mais tamén «polo noso legado. Polo noso territorio», así como «pola nosa educación». Ao tempo, amosou o compromiso de que «non permitiremos que ningunha lingua deixe de latir. E menos aquela que nos fai galegas e galegos», engadiu.

Foi unha xornada festiva a que se viviu este 21 de maio na Alameda de Pontevedra co Correlingua, que neste 2026 cumpre vinte e seis anos de existencia, e na que os rapaces foron saudados polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores antes da tradicional entrega de diplomas e do peche que, de novo, tivo a Luis O Caruncho como mestre de cerimonias.