«A presenza do lobo preto da casa nunca é motivo de alegría»

C. Pereiro PORTAS / LA VOZ

PORTAS

RAMON LEIRO

Os cazadores temen que a falta de información leve aos veciños a tomarse a xustiza pola man

18 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Veterano cazador e coñecedor dos montes da comarca pontevedresa, Manuel Martínez é presidente da asociación de caza de Portas. Ante as aparicións, cada vez más habituais, do lobo nas proximidades de núcleos rurais, chama á calma, aínda que recorda que as administracións deben tratar de solucionar os problemas antes de derivar en accidentes.

-¿Pódese falar dun aumento do número de lobos no entorno pontevedrés?

-O que está claro e que hai máis avistamentos, ao igual que nas comarcas veciñas. É o predador do monte por excelencia, polo que se non controla o seu crecemento o seu número tenderá a aumentar.

-Dende a súa asociación de caza teñen sinalado a falta de información real sobre o número que habita os montes da zona.

-Hai un reconto oficial que se va renovando, pero xa fai tempo que non se actualiza.

-¿Por qué o lobo baixa do seu fogar e achégase ata as poboacións humanas?

-O lobo é un animal que quere vivir no seu hábitat, polo que se o abandona é que algo pasa. ¿Podería ser que o gran número de lobos incida na imposibilidade de alimentarse todos de maneira salvaxe? É a miña aposta. O lobo non está cómodo visitando as casas, pero se non hai animais que cazar, como é o caso dos nosos montes, onde non hai unha gran cantidade de presas, vese na obriga de buscar alimento.

-¿Existe un perigo real para os veciños desas zonas onde o lobo está aparecendo de maneira máis habitual?

-É un perigo para ambos. Para o animal e para a persoa. O lobo ten que estar onde ten que estar, e deambular polo medio das casas e internarse nas fincas pechadas dista moito de ser o ideal. É incomodo para todo o mundo. O lobo ten que predar, non atacar aos rabaños.

-Sendo unha especie cinexética, ¿que se necesita para unha batida?

-Unha autorización expresa por parte da Xunta. Na nosa comunidade o lobo só se pode cazar se provoca antes danos.

-¿Trasmitíronlle os veciños preocupación ou medo pola presenza deste cánido?

-Os veciños transmiten sobre todo cabreo, sobre todo os que sofren as perdas de animais domésticos ou gando. A Administración é consciente dos danos, e se se demostra que foi o lobo, a peza é pagada. Unha ovella cunha idade fértil está valorada nun 52 euros. ¿Temor? Sempre o hai ao descoñecido, e moita xente nunca tivo contactos con este animal e é algo novo. A presenza dun lobo preto dunha casa nunca vai ser motivo de alegría.

-¿E ese cabreo podería derivar en casos coma os de Asturias, nos que os veciños perseguen e matan ao lobo de maneira ilegal?

-Ese sería un camiño malísimo. Que a xente se tome a xustiza pola man nunca é bo para ninguén. Nun caso hipotético de que os veciños mataran dous lobos, ao mellor era a poboación total e acaban coa especie da zona. Nese sentido, é a Administración a que debe informar aos veciños e ofrecerlles datos, porque a xente cansa, é a impotencia pode levar a reaccións totalmente desaconsellables para todos.