O Museo de Pontevedra fai un achegamento a unha das maiores concetracións ao aire libre de gravados prehistóricos de Europa

PONTEVEDRA CIUDAD

Sara Garcês, profesora e investigadora da Universidade Politécnica de Tomar (Portugal)
Sara Garcês, profesora e investigadora da Universidade Politécnica de Tomar (Portugal) MUSEO DE PONTEVEDRA

Co trasfondo do Día Europeo da Arte Rupestre, o Museo de Pontevedra acolle esta tarde (19.00 h.) unha conferencia de Sara Garcês, profesora e investigadora da portuguesa Universidade Politécnica de Tomar, onde coordina a Cátedra de Arqueoloxía Rupestre. Co título A arte rupestre do val do Texo no contexto da arte esquemática da península ibérica: investigación e difusión, a arqueóloga situará a investigación e difusión dos máis de sete mil gravados prehistóricos ao aire libre desta rexión portuguesa no contexto da arte esquemática da península ibérica.

A este respecto, dende o Museo engadiron que «o Complexo de Arte Rupestre do Val do Texo, no centro de Portugal, constitúe unha das maiores concentracións de gravados ao aire libre de Europa, con preto de sete mil figuras preservadas desde o Paleolítico ata a Idade de Bronce. A súa documentación urxente nos anos 1970 mediante moldes de látex resultou decisiva para salvagardar un vasto corpus gráfico ameazado pola construción da presa de Fratel», precisaron.

Ao tempo, destacaron o feito de que «a secuencia cronolóxica comprende cinco fases diferenciadas, das que salientan un período preesquemático dominado pola fauna silvestre e un longo ciclo esquemático con figuras humanas abstractas, xeometrías e armas. A concentración espacial dos gravados en pasos fluviais e rápidos (cachões) pon de manifesto o uso estratéxico do río como vía de paso e interacción cultural durante milenios».

Dende o Museo teñen claro que, «no contexto da arte esquemática da península ibérica, o Texo ofrece un rexistro clave das transformacións simbólicas e socioeconómicas das sociedades prehistóricas».

No que respecta a Sara Garcêsprecisaron que, ademais de arqueóloga, profesora adxunta na Universidade Politécnica de Tomar e especialista en arte prehistórica, coordina a Cátedra de Arqueoloxía Rupestre e o Laboratorio de Arqueoloxía Rupestre do Instituto Terra e Memória. A isto sumáse que é subdirectora e investigadora no Centro de Xeociencias de Portugal, así como conta cunha extensa produción científica como autora e editora de libros, monografías e artigos indexados no ámbito da arte rupestre e lidera múltiples proxectos de investigación ao aire libre e en covas nacionais e internacionais, entre outros cargos e actividades vinculadas á arqueoloxía.