A artista Alba Reche pon en Pontevedra no centro do debate á saúde mental

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

A cantante e compositora Alba Reche
A cantante e compositora Alba Reche

A cantante ilicitana protagoniza unha nova sesión de «Resonancias» no Liceo Casino

03 oct 2026 . Actualizado a las 01:09 h.

O da sáude mental é un dos temas que, nos últimos meses, se ven situando no centro do debate social. E, de novo, o Concello de Pontevedra volve ubicar o coidado da saúde mental no centro da axenda cultural coa presentación dunha nova entrega do ciclo Resonancias, que se desenvolverá a partires das 19.30 horas deste sábado, 3 de outubro, no Liceo Casino da cidade do Lérez.

Con entrada de balde ata completar o aforo deste espazo, a iniciativa foi dada a coñecer pola concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, quen estivo acompañada por Roi Grandío e Carmen Díaz, en representación da empresa audiovisual Borneo, integrada na rede Pont-Up Store.

Neste eido, dende o concello precisaron que, tralo éxito colleitado na experiencia piloto do ano pasado con Eladio y Los seres queridos, Pontevedra renovou a súa aposta por este formato que afonda nos procesos creativos e emocionais a través da arte. Nesta ocasión, a artista convidada é Alba Reche, quen ofrecerá unha experiencia deseñada para ir máis aló do entretemento e converterse nun espazo de reflexión e divulgación, engadiron fontes do goberno local.

Deste xeito, a estrutura de Resonancias inclúe unha presentación inicial, unha conversa divulgativa duns 40 a 45 minutos e un concerto acústico final de arredor dunha hora de duración.

Este programa pon de manifesto que, alén da proposta musical, esta proposta «xorde do fondo vínculo existente entre a creación artística e a psicoloxía». Isto explica, por outra banda, que para garantir un carácter rigoroso e de axuda real para a poboación, a iniciativa conta co respaldo dun equipo de profesionais da psicoloxía liderado por Rosana Corbacho. «Deste xeito, procúrase ofrecer ferramentas de apoio emocional e visibilizar as vivencias internas dos creadores», apuntaron.

Importancia de visibilizar

No transcorro da presentación desta nova edición de Resonancias, Anabel Gulías puxo de releve «a importancia de visibilizar a saúde mental na sociedade a través de ferramentas culturais», mentres que os representantes da produtora Borneo destacaron «o valor de consolidar un proxecto xurdido do talento local que busca conectar co público dun xeito útil e orixinal».