Segundo a tradición, o primeiro morto por arma de fogo en Galicia foi o señor Tristán de Montenegro, na defensa da cidade de Pontevedra contra o asedio de Pedro Madruga en 1479. Un disparo de arcabuz. A lenda di que o levaron ferido de morte dende o adarve da muralla ata o pazo dos Mariño de Lobeira, na praza da Pedreira, e que foi aló onde agonizou e morreu. Durante anos ardeu unha cadea na fiestra do cuarto da agonía, honra que os pontevedreses lle fixeron. Daquela considerábase unha vergonza para a cabalería utilizar arcabuces ou espingardas no combate, na medida en que privaban o enfrontamento físico, corpo a corpo, e permitían distanciarse do inimigo, ou mesmo agocharse. Nunca se soubo o nome do autor do disparo contra o señor de Montenegro.
Abofé que eran outros tempos. Con anterioridade houbo descualificacións contra arqueiros e besteiros, que disparaban a distancia. O corpo a corpo, verlle o rostro ao adversario no combate era unha honra. Nalgúns casos mesmo se intentaba dilucidar unha causa enfrontando os líderes de cada bando (Héctor e Aquiles, David e Goliat) nun combate singular. Mais a tecnoloxía foi perfeccionando a arte de matar e, nos últimos tempos sobre todo, tamén as formas de destrución masiva, alén da identidade dos combatentes. O século XX é a crónica da apocalipse. A saber que nos depara o século XXI
Durante a Segunda Guerra Mundial os alemáns perfeccionaron as chamadas V-1 e V-2, máquinas voadoras sen tripulación, dirixidas a distancia, que dende o continente bombardeaban Inglaterra, principalmente a cidade de Londres, para intentar vencer a resistencia británica. Logo veu a bomba atómica: Hiroshima e Nagasaki, agosto de 1945, 250.000 vítimas entre as dúas cidades, e o terror cada vez máis sofisticado, co crecemento armamentístico imparable entre as grandes potencias e os seus aliados (ou consentidos).
Agora mandan os drons. O ceo énchese de artefactos teledirixidos cuxo zunido, igual que as V-1 e V-2, arrepía as noites de Ucraína e algunhas cidades rusas, igual que no Líbano ou Palestina, en Irán, no golfo de Ormuz, Israel, Siria, Xordania, Iemen, Kuwait… O conflito multiplícase e a poboación civil é a primeira vítima. Alguén está sentado no seu despacho dirixindo as operacións. Non podo evitar a imaxe de Madrid bombardeado na guerra (1936-1939), coa xente fuxindo cara aos refuxios, as nais turrando dos nenos, o avós… Este mes de agosto foi desolador. Penso nas primeiras secuencias de 2001. Unha odisea do espazo, a película de Stanley Kubrick, cando os primeiros humanoides descobren os ósos dun animal caído para golpeárense entre eles marcando o territorio, ou na queixada de Caín batendo no seu irmán. Pouco adiantamos dende entón. A furia segue sendo a mesma, malia esforzos históricos por poñer orde na loucura.