O Museo de Pontevedra afonda nos derradeiros vinte anos de produción pictórica de José Freixanes

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Xosé Luis García Canido, comisario da mostra, e Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra
Xosé Luis García Canido, comisario da mostra, e Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra Ramón Leiro

O punto de arranque da mostra son as dúas intervencións efémeras que o artista realizou en Casablanca no 2006 e Damasco no 2007

22 jul 2026 . Actualizado a las 19:14 h.

Eternos son os soños / Obra pictórica 2006-2025 é o título da exposición na que traballou José Freixanes (Pontevedra, 1953 - Madrid, 2025) ata o día da súa morte é que este xoves se inaugura no Museo de Pontevedra e, por iso, o seu comisario e amigo Xosé Luis García Canido escapou de empregar o termino póstuma: «Aínda que tecnicamente é unha exposición póstuma, porque non está, a min non me parece un concepto apropiado cando o artista participa en todo, pero na última fase está ausente. Si penso que a exposición recolle ou mantén toda a enerxía que José Freixanes desenvolveu durante toda a súa vida».

Recoñeceu, iso si, que expor en Pontevedra engadía unha carga emotiva na mostra e facía que Freixanes sentise «unha certa responsabilidade», pero, ao tempo, «moitísima ilusión»

A mostra recolle os últimos vinte anos de Freixanes desde o 2006 ata outubro do 2025 e, de feito, inclúe o derradeiro dos seus cadros, Para saír voando, que «rematou creo que dúas semanas antes de falecer».

En total, inclúe 35 obras pictóricas de gran formato, en varios casos dípticos ou composicións de múltiples lenzos. Complétase ademais cunha serie de vinilos sobre a fachada principal do Edificio Castelao, e cunha instalación con po de arroz situada na zona acristalada da planta baixa do mesmo edificio. As obras están datadas maioritariamente entre 2006 e 2025, con algunhas excepcións dos anos inmediatamente anteriores moi vinculadas tematicamente que proceden de coleccións particulares, ademais de obras cedidas por Afundación, CGAC, Fundación Internacional Baltasar Garzón e Galería Trinta.

Ao igual que fixo García Canido, a directora do Museo, Ángeles Tilve, destacou que José Freixanes estivo moi implicado na exposición desde o principio: «O seu repentino falecemento en novembro pasado fai imposible telo hoxe connosco aquí e poder escoitalo con aquela paixón coa que sempre falaba da súa pintura». Sobre a obra exposta, fixo fincapé no «seu interese pola viaxe, por integrar diferentes culturas, pola xestualidade das diferentes grafías, polos fíos e a súa vinculación coa memoria colectiva».

O punto de arranque desta exhibición son a dúas intervencións efémeras que realizou en Casablanca no 2006, Al final del amanecer, e Damasco no 2007, Voces de basalto negro. «Non vou dicir que cambiaran toda a súa traxectoria, pero para el foron importantísimas e as tivo presentes nas dúas décadas seguintes», remarcou García Canido.

Se na primeira representou unha haima de roupa de persoas desprazadas da súa orixe e cosida por máis de cincuenta alumnos de Granada, onde daba clases na Facultade de Belas Artes, e de Casablanca, sobre po de arroz -a técnica do kolam que aprendeu na súa primeira viaxe ao sur da India en 1995-, a segunda tivo como escenario unha antiga hospedaría onde durmían comerciantes que facían a ruta da seda e na que tamén empregou po de arroz e distintas caligrafías árabes que reproducían fragmentos de poemas árabes e galegos. «Isto funcionou como unha fonte a que el recorría permanentemente, tanto para cuestións de carácter plástico, de formas, pero tamén de ámbito conceptual, de ideas...», engade o comisario da mostra.

Xosé Luis García Canido, comisario da mostra
Xosé Luis García Canido, comisario da mostra Ramón Leiro

En este sentido, García Canido incide en que, «de feito, con estas dúas intervencións, afonda, redescubre temas, como a artesanía, a escritura... El non diferenza. Hai moitas culturas onde a palabra pintar significa exactamente o mesmo que escribir. Eu, con el, engadiría a de coser. El nos últimos vinte anos dedicouse a escribir e coser. Na maior parte das súas obras están con teas, con costuras... Durante estes vinte anos facía sempre a mesma puntada. Non sabía facer outra. Dicía que era a que facían as redeiras nas redes. Era unha especie de letanía, como a danza dos debiches. Para el, o seu traballo era chegar a un estado zen da vida e o facía a través da costura».

Cosía e escribía. Neste sentido, Xosé Luis García desvelou que Freixanes empregou na maior parte dos cadros que elaborou nas súas dúas derradeiras dúas décadas unha xiringa para pintalos, así como acudiu a recursos literarios, como a ironía, presente na obra Apocalipse lenta e aburrida, do 2018.

Na súa intervención, García Caneiro non obviou a compoñente social e política da obra de José Freixanes, aínda que precisou que o pontevedrés «non estaba preocupado por esa dimensión. El realmente estaba comprometido coa beleza, quería facer cadros belos, cun toque poético, cun traballo de investigación previo, sólido, que despois, ás veces, esas lecturas do público lle dan ese compoñente social, político».

A crítica pode percibirse nas tres pinturas que compoñen Comportamentos, que Freixanes realizar a raíz da vaga de incendios forestais do 2006. O artista, aquel verán, estivo na Pobra do Caramiñal e puido observar como, a pesares dos lumes que asolagaban o pais, a xente ía a praia.

A parte final de Eternos son os soños céntrase en creacións que destacan pola presenza de simboloxía oriental, pero tamén galega, como o Labirinto de Mogor (Marín), así como pola recuperación da figura humana de distintas latitudes, de distintas culturas.

En paralelo coa exposición, o Museo de Pontevedra desenvolverá unha serie de actividades. Así, a partir do 2 de agosto, todos os domingos, ás 12.00 horas están previstas visitas guiadas, mentres que, xa en setembro, o 3 terá lugar unha xornada arredor de Jose Freixanes coa participación do seu irmán, o escritor Víctor F. Freixanes, pero tamén de Asunta Rodríguez, directora da galería Trinta, a crítica Mercedes Roza e Xosé Luis García Canido. Posteriormente, o 25 dese mes, recital poético a cargo de Alberto Avendaño.