Itineranta leva once espectáculos en apenas tres días ás rúas de Pontevedra
PONTEVEDRA CIUDAD
A xornada inaugural do mércores pecharase co estreno do novo espectáculo pirotécnico «Herederos del fuego» dos valencianos Pyros Espectáculos
14 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Este mércores e da man da compañía catalá Cia La Tal arrancará a quince edición de Itineranta, o festival de espectáculos itinerantes de Pontevedra. «Cando mirábamos estas cousas era o único que había en todo o Estado e, desde logo, un dos que ten maior solera e daqueles aos que os grupos queren vir porque a resposta do público é extraordinaria», destacou Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura.
Nesta ocasión, e ao longo de tres días consecutivos, poderase gozar con once espectáculos diferentes, unha programación que desglosou Laura Gabriel, de Troula. Así, mañá, Cía La Tal sairá ás 20.00 horas co espectáculo Les pompiers dende Santa María, mentres que ás 21.00 horas será a quenda dos zaragozanos K de Calle con Disco Funk dende a praza de España e, como peche da xornada, Pyros Espectáculos estreará en Pontevedra a partires das 22.00 horas o seu novo espectáculo pirotécnico Herederos del fuego.
O xoves será a quenda de Jarvier Ariza e Carman, La Finestra e Pilots, Always Drinking Marching Band e La calle es nuestra e Deabru Beltzak e Su Talka, mentres que a derradeira xornada estará protagonizada por Xirriquiteula Teatre e Girafes, Pía e Caricatures, Tiritirantes e Carrusel ambulante, e La Fam e Quimera.
Deste xeito, Itinerante volve apostar por «compañías de diferentes puntos da península». Tras precisar que as que teñen máis traxectoria na animación de rúa son a Valenciana e Cataluña, comunidades das que proceden Pyros Espectáculos, Cía La Tal, La Finestra, Always Drinking Marching Band, Xirriquiteula Teatre ou La Fam, confirmou que na edición deste ano contarase con colectivos procedentes de Portugal, caso de Pía, pero tamén o País Vasco, Zaragoza, Burgos ou Madrid.«É certo que este ano non temos unha compañía galega que vaia a realizar un espectáculo, pero si que contamos con empresas galegas que son distribuidoras e que traen pasarrúas para Itineranta, como son Pista Catro e Culturactiva», engadiu.
Laura Gabriel precisou que a programación seguirá a mesma estrutura os tres días. Así, comezará cada xornada cun espectáculo a partir das sete e media da tarde de carácter máis familiar para rematar cun espectáculo cun formato de lume e pirotecnia. Neste punto, e de cara as persoas máis vulnerables, recordou que se trata de postas en escena nas que hai luz, lume e ruído, polo que incidiu que, no caso daquelas persoas que se queiran meter máis no espectáculo, vivilo máis de preto, é conveniente vestir gorras e prendas vaqueiras. «Un pódese meter, pero hai que vir un pouco protexidos», remarcou.
«En calquera caso, do que se trata, o obxectivo, é encher as rúas de Pontevedra de emoción, de luz, de cor, de animación... que todo mundo saia e que goce do que é a animación de rúa itinerante», insistiu Laura Gabriel, quen destacou que os momentos previos de cada espectáculo estarán caldeados e amenizados pola personaxe de Itineranto, que interpreta Juan González, tamén de Troula, e que protagoniza o cartel realizado por Miguel Castro, Miki, de Carbono Tattoo.
Deste xeito, Itinerante súmase esta semana a unha programación marcada en Pontevedra polo ciclo Titirevedra e o festival musical Bigsound. «Temos unha semana realmente poboada con espectáculos, desde os monicreques máis humildes ata os espectáculos máis grandes pasando por esta Itineranta, que é o de máis proximidade de todo o que temos. Estamos metidos no medio dos artistas», enfatizou o concelleiro de Cultura.