«Sentarse a escoitar un disco é un acto de rebeldía»

PONTEVEDRA CIUDAD

Gonzalo Bea, impulsor do Clube do Disco de Pontevedra
Gonzalo Bea, impulsor do Clube do Disco de Pontevedra MIGUEL PUEBLA

Gonzalo Bea impulsa un Clube do Disco en Pontevedra coa intención de facer sesións mensuais na Nasantiña

08 jun 2026 . Actualizado a las 09:16 h.

Dunha casualidade. Aí atópase o xerme do Clube do Disco de Pontevedra que impulsa Gonzalo Bea: «O primeiro club do disco do que eu teño coñecemento está en Hortaleza, en Madrid, e a partir de aí en Vallecas fixeron outro, que son moi amigos meus. Puxeron un post en Instagram no que dicían que querían presentar discos en castelán, non só discos de Ramones, Rolling Stones, Nirvana... Díxenlles que presentaran o Piknik Caleidoscópico, dos Negativos, que é un discazo». A resposta dos seus amigos foi invitarlle a asistir.

Ao día seguinte acudiu ao de Hortaleza que presentaban o London 0 Hull 4, de The Housemartins, «que non o coñecía demasiado, pero foi brutal», apunta Bea, quen puido comprobar as diferentes concepcións que teñen os clubs do disco. «Hai que pon un só disco e comenta un par de cousas, hai quen fai un repaso por toda a vida da banda... E pensei que se podía facer en Pontevedra», engade.

O seguinte paso foi buscar o espazo adecuado para as sesións e atopouno na Nasantiña. O pasado abril foi o seu estreo cun disco que lle permitise non saír da súa zona de confort, polo que repetiu o Piknik Caleidoscópico, dos Negativos. «Saíu moi ben», apunta matizando que o pasado fin de semana foi a segunda sesión que tivo como protagonista a Óscar Avendaño, quen presentou o seu libro Lo tengo en vinilo, e «pinchamos algúns temas dos discos que menciona no libro e despois fixou un mini concerto acústico», mentres que de cara a xuño, e como remate da tempada, contará con Raquel Plata, do colectivo Dirty Old Toen, que presentará un disco das Bikini Kill, banda de punk rock feminista estadounidense, para falar «do movemento riot girl, do do it yourself e do feminismo».

Apostar pola variedade

Gonzalo Bea, tras precisar que se trata dun proxecto unipersoal coa colaboración da Nasantiña, deixa claro que quere «fuxir dun club do disco no que caían os mesmos discos, a mesma música e os mesmos xéneros musicais. Non me interesa iso (...). Hai moita música para escoitar, hai moita música que ler, tamén, e que comentar para meterte nun nicho concreto, sobre todo cando facemos unha sesión mensual».

Gonzalo Bea, impulsor do Clube do Disco de Pontevedra
Gonzalo Bea, impulsor do Clube do Disco de Pontevedra MIGUEL PUEBLA

De igual xeito, «no quero que sexa un club de homes heterosexuais de 40 años poñendo Bruce Springsteen, Rolling Stones...», precisa lamentando que Pontevedra careza na actualidade dunha sala de concertos: «Despois de Karma non quedou nada», apunta aludindo a que, aínda que se fan concertos en moitos espazos da cidade, esta non dispón dunha sala específica.

Bea resalta que estas sesións «non quero que sexan uns actos moi repetitivos, porque cabe a posibilidade de facerse moi academicista ou, incluso, moi tedioso ou algo que poida acabar resultando ser soporífero», remarca en relación coa filosofía que lle move. Polo pronto, a acollida «é moi boa», tendo en conta que á sesión dos Negativos «viño xente de Vilagarcía, que me sorprendeu, sobre todo, rapaces de 20 anos, que me sorprendeu aínda máis ao ser un disco tan nicho, que cumpre agora corenta anos», e no de Avendaño «veu bastante xente. Estivo moi ben. Foi moi divertido, porque non queremos que acabe sendo unha cousa moi tediosa».

Ten claro que, nos tempos actuais, «tempos super individualistas, de escoitar cinco segundos de canción en TikTok ou Spotify, sentarse a escoitar un disco, corenta ou corenta e cinco minutos, só ou acompañado é un acto de rebeldía. En tempos tan acelerados, escoitar un disco simplemente paréceme un acto de rebeldía», insiste.

«Camino Soria»

Botando a vista ao pasado, Gonzalo Bea recorda que o primeiro disco que mercou foi o single Tired Of Waiting For You, de The Kinks, e despois o xa mítico The Velvet Underground & Nico, aínda que previamente, sendo un rapaz, «a primeira música que comprei foi no ano 1987, Camino Soria, de Gabinete Caligari, en Círculo de Lectores e tiña 8 anos».

¿Quieres contactar con el periodista que firma esta noticia? Escribe a alfredo.lopez@lavoz.es