Arxentina será a cultura invitada dunha edición que arrancará o 26 de febreiro
06 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Rodeado de porongos, os recipientes onde se toma o mate, empanadillas de queixo e xamón, e alfajores de doce de leite, o concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, non tivo que esforzarse moito este venres para desvelar que a cultura convidada no vindeiro Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se desenvolverá no Pazo da Cultura entre o 26 de febreiro e o 14 de marzo, será Arxentina.
«É un país que pola relación connosco, polas ligazóns afectivas que nos unen e, incluso, polo traballo didáctico desenvolvido desde esta cidade en colaboración con Arxentina (...) vainos permitir que o Salón saia con moito traballo rodado e que funcione realmente ben», sinalou Demetrio Gómez, ao tempo que incidiu en que «Buenos Aires chegou a ser a cidade con máis galegos falantes do mundo».
De igual xeito, revelou o tema escollido para o 2027 é De Pontevedra á Lúa, un universo de libros. Deste xeito, e segundo apuntou o concelleiro pontevedrés, traballarase «todo o que ten que ver co espazo», así como aludiu aos vínculos existentes entre a temática escollida e o país convidado: «Cando os galegos emigrábamos a Arxentina era unha viaxe como a que se vai facer agora a Lúa. Había que preparala con moitísimo tempo e, moitas veces, era para sempre», remarcou.
Na súa comparecencia, explicou que estas decisións foron froito dunha novidade na xestión interna do Salón do Libro. Cando rematou a pasada edición remitíuselle unha enquisa aos centros de ensino requirindo ideas para a temática, o país convidado... «Recibimos múltiples propostas», precisou Demetrio Gómez, quen recoñeceu que a dificultade non foi esa, senón facer a escolla.
Grupo de traballo
Isto determinou que, como en anos anteriores, se habilitase un grupo de traballo formado por profesionais que colaboran co Salón e no que se integraron Risotadas, que se ocupa da animación, Vacío Cero e Triskelia, que se ocupan da ambientación, a propia dirección e a comunicación do Salón, e convidouse, «por primeira vez», a unha profesora de primaria e a outra de infantil de centros públicos de Pontevedra.
De feito, o tema elixido foi consecuencia directa da perspectiva que aportaron as docentes, que insistiron en que «precisábamos dar un cambio ao tema do Salón desde unha perspectiva didáctica. Os dous últimos temas que escolléramos, que a nós nos parecían que deron moito xogo (...), para elas eran moi semellantes. E o que lles propuñamos para ano que ven, que para nós era moi distinto, dicíannos que ía na mesma liña dos anteriores».
O certo é que a temática do Salón do 2027 permitirá abordar distintas cuestións, que van dende as eclipses e a observación astronómica ata a literatura de ciencia-ficción ou os avances científicos.
¿Quieres contactar con el periodista que firma esta noticia? Escribe a alfredo.lopez@lavoz.es