«A exposición de 'A derradeira leición do mestre' vai ser pequena en dimensións, pero de enorme simbolismo»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ángeles Tilve, Luis López e Rafa Domínguez, na sala onde se exporá «A derradeira leición do mestre»
Ángeles Tilve, Luis López e Rafa Domínguez, na sala onde se exporá «A derradeira leición do mestre» MIGUEL PUEBLA

A mostra do cadro, que se exhibirá tres meses no Museo de Pontevedra, completarase con distintas actividades

29 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

«Esta exposición vai ser pequena en dimensións, pero de enorme simbolismo». Deste xeito, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, aludiu a exposición, a partires do 25 de xuño, do cadro A derradeira leición do mestre, de Castelao. Polo pronto, no Edificio Castelao estase a acondicionar unha sala da primeira sala para albergar esta obra ata o 27 de setembro como «un espazo de certa intimidade na que a cor e a disposición dos materiais axudarán a concentrar a atención no lenzo de Castelao».

Acompañando á pintura seleccionouse unha serie de pezas da colección do Museo «que permiten comprender mellor a significación do cadro e o contexto no que foi creado». Así, acompañarán á pintura o debuxo orixinal da estampa número 6 de Galicia Mártir, o Álbum de Guerra, do que tamén se exhibirá a primeira edición feita en Valencia en 1937, o manuscrito do Co pensamento en Galiza, —«obra clave do pensamento político de Castelao publicado co título de Sempre en Galiza»— ou a fotografía da celebración da Diada dos Mártires Galegos de 1945, no noveno aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda. «Cada unha destas pezas foi escollida con coidado para que o visitante poida chegar ao cadro e afondar en cando se pintou, con que motivo e, sobre todo, por que o fixo», engadiu Ángeles Tilve.

A derradeira leición do mestre sairá do Centro Galicia de Bos Aires o vindeiro 8 de xuño nu vó con destino a Alemaña para, acto seguido, continuar o seu recorrido por estrada. O cadro chegará ao Museo de Pontevedra o 17 de xuño: «Se me preguntades agora por que ten que vir esa obra a Pontevedra, é para darlle ocasión a todas as persoas que veñan aquí a que poidan sentir a mesma emoción que eu tiven cando o vin alí no Centro Galicia», destacou, pola súa banda, Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación.

Ángeles Tilve, Luis López e Rafa Domínguez, na sala onde se exporá «A derradeira leición do mestre»
Ángeles Tilve, Luis López e Rafa Domínguez, na sala onde se exporá «A derradeira leición do mestre» MIGUEL PUEBLA

«É incorrecto dicir que esta obra de Castelao viaxará a Galicia, mais ben regresa a casa», sinalou Luis López, quen confesou que observar A derradeira leición do mestre «emociona e estremece». O presidente da Deputación de Pontevedra debullou a programación paralela á mostra, toda vez que «a chegada do cadro vai máis alá da exposición da peza, será unha viaxe completa pola memoria do país, polas ensinanzas da emigración e pola cultura».

Así, entre o 22 e 23 de xuño desenvolverase o seminario Arte, exilio e memoria: Castelao, A derradeira leición do mestre e a emigración galega en América. O 27 de xuño está programado un concerto da Coral Polifónica de Pontevedra e, ao día seguinte, conmemorarase o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia do 1936. Xa en agosto, o 17, lembrarase a figura de Alexandre Bóveda polo 90 aniversario do seu fusilamento con motivo do Día da Galicia Mártir.

Ademais, haberá visitas guiadas, obradoiros infantís e actividades complementarias da man das fundacións Bóveda e Castelao. «Temos unha débeda eterna de gratitude co doutor Afonso Daniel e saldar parte desa débeda é o que facemos coa exposición da súa grande obra pictórica», subliñou Luis López.

¿Quieres contactar con el periodista que firma esta noticia? Escribe a alfredo.lopez@lavoz.es